Friday 22 de November de 2024

A Xunta avanza na súa aposta por un urbanismo responsable coa aprobación do PXOM de Abegondo


— Ángeles Vázquez explica que este municipio coruñés se converte no primeiro concello de Galicia en dispoñer dun PXOM acorde coa Lei do solo de 2016

— Reitera que o Goberno galego segue a traballar cos concellos para impulsar o obxectivo de dotar a todas as entidades locais dun instrumento urbanístico acorde coas súas necesidades e co marco normativo vixente

A Xunta de Galicia avanza na súa aposta por un urbanismo responsable coa aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Abegondo, tal e como salientou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

Durante o acto de sinatura da orde de aprobación definitiva xunto co alcalde da localidade, José Antonio Santiso, a vicepresidenta segunda explicou que Abegondo se converte no primeiro concello de Galicia en dispoñer dun PXOM acorde coa Lei do solo de 2016, que beneficiará aos máis de 5.500 habitantes que se distribúen nas 19 parroquias que conforman este municipio coruñés.

Así, logo de salientar que, pola súa localización estratéxica, este concello resulta unha opción atractiva para moitas familias para fixar a súa residencia, Ángeles Vázquez subliñou que o modelo establecido por este PXOM defínese a partir da determinación do sistema de asentamentos de poboación, dos solos urbanos e do desenvolvemento das actividades económicas existentes e da potenciación das actividades terciarias.

Nesa liña, o estudo da superficie do concello determinou que o 90,46% do territorio é solo rústico; o 8,51% correspóndese con núcleos rurais; o 0,62% é solo urbano, e o 0,41%, urbanizable.

De feito, un dos obxectivos do PXOM, que fixa as previsións que marcará a evolución deste municipio nos próximos 14 años, pasa por compactar os actuais núcleos de poboación integrados polas áreas urbanas de San Marcos e San Tirso, ademais de numerosos núcleos rurais. Así, o novo planeamento reserva solo terciario ao norte da estrada AC-542 que conecta os dous núcleos urbanos. Ademais, reserva preto de 130.000 m2 para espazos libres e zonas verdes, e máis de 250.000 m2 para equipamentos comunitarios.

A maiores, tamén prevé a creación tanto dun polígono ecoagrario á marxe da AP-9 como dun ámbito de solo urbanizable que permitiría ampliar as instalacións do Real Club Deportivo da Coruña ou complementalas con usos educativos e de aloxamento.

Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez puxo en valor a axilidade coa que se tramitou este plan xeral, cuxos criterios xerais son frear a dispersión edificatoria e fomentar a consolidación e mellora das áreas edificadas; establecer os ámbitos para o desenvolvemento da actividade económica e dotacional; complementar e mellorar a estrutura territorial; preservar os valores naturais e culturais que aínda subsisten, e conservar os núcleos rurais de poboación.

Para concluír, a vicepresidenta segunda reiterou que a Xunta seguirá a traballar cos concellos para impulsar o obxectivo de dotar a todas as entidades locais dun instrumento urbanístico á altura das súas necesidades e acorde co marco normativo vixente.

De feito, o Concello de Abegondo recibiu xudas por un importe de máis de 160.000 euros para levar a cabo este procedemento e, nesa liña, no proxecto de orzamentos do vindeiro ano, o Goberno galego reserva unha partida de 4 millóns de euros para apoiar ás administracións locais no desenvolvemento de plans xerais de ordenación municipal e de plans básicos municipais.