O sábado pola tarde competirán as categorías de base e o domingo, a absoluta
Carballo acolle esta fin de semana o Memorial Carlos Servando, que naceu no ano 1992 como unha actividade pioneira no salvamento e socorrismo galego e que 31 anos despois segue a ser unha referencia. Proba dilo é que esta fin de semana reuniranse en Carballo un total de 330 deportistas de oito clubs galegos.
Hoxe presentamos unha nova edición do Memorial Carlos Servando coa participación do alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Deporte, Daniel Pérez, e de dous representantes do Sysca, club organizador: Diego López, director deportivo, e Sandra Puga, tesoureira.
Diego López explicou que a xornada do sábado pola tarde está reservada para as categorías de base. Un total de 174 nenos e nenas dos clubs SAL, Umia, Estrada, Santa Comba e Cerceda, ademais do Sysca, que participa con 50 deportistas, competirán en probas de relevos mixtos, coas que se pretende “fomentar a cooperación e a igualdade entre nenos e nenas”.
O domingo competirán os/as deportistas da categoría absoluta nunha proba de distancias curtas, que aportará un maior dinamismo e espectacularidade e coa que se intenta “darlle máis visibilidade ao deporte”, sinalou Diego López. En total participarán 160 deportistas dos seis clubs anteriores e tamén do SASA e o Salvar.
Sandra Puga agradeceu a colaboración do Concello de Carballo para que o Memorial Carlos Servando poida seguir sendo unha referencia no salvamento e socorrismo galego. “Estamos encantados de que haxa actividades coma esta”, respondeulle o concelleiro de Deporte, quen ademais quixo poñer en valor o aspecto humano do evento. “Xa nos tedes afeitos a vir ao concello con trofeos e éxitos, pero tamén é moi importante lembrar á xente que estivo nas orixes da asociación. Di moito do Sysca”, comentou Daniel Pérez.
O alcalde, pola súa banda, felicitou ao club “polo traballo diario na competición oficial, na formación e tamén nos momentos nos que hai que demostrar o lado humano, como é o caso do Memorial Carlos Servando”.
Esta fin de semana, polo tanto, Carballo ten unha cita ineludible na piscina Carballo Calero. E, se non podes achegarte, non perdas de vista o Instagram do Sysca.