As instalacións permanecerán pechadas do 25 de outubro ao 9 de novembro
O Concello de Brión informa de que a biblioteca pública municipal pechará as súas portas do 25 de outubro ao 9 de novembro debido á execución dunha obra de mellora nas súas instalacións. Unha actuación que conta cunha achega de 27.000 euros por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e que permitirá dotar á biblioteca brionesa dun novo aseo accesible a todos os públicos, a mellora das condicións de illamento da cuberta e a mellora da accesibilidade ao local a través da eliminación dun chanzo na entrada.
O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, explica que “son unhas actuacións que suporán unha notable mellora na accesibilidade e nas instalacións da biblioteca municipal e que non puideron programarse durante o verán, ao estar pendentes dunha autorización de Patrimonio. Agardamos que os traballos se fagan coa maior dilixencia posible e pedimos desculpas a todas as persoas usuarias polas molestias”.
As obras
Os traballos incluirán a construción dun aseo propio no local da biblioteca e que sexa accesible para todas as persoas usuarias. Deste xeito, evitaranse os problemas de accesibilidade do actual baño, emprazado no soto do inmoble e ao que se accede unicamente a través dunhas escaleiras metálicas que non permiten garantir a accesibilidade a todas as persoas.
Outra mellora na accesibilidade á biblioteca será a eliminación do chanzo interior da entrada, que impide que persoas con mobilidade reducida poidan acceder ás instalacións se a axuda dunha terceira persoa. A eliminación deste chanzo, unida á instalación dun salva escaleiras por parte do Concello de Brión, garantirá un total acceso ás persoas con mobilidade reducida.
Finalmente, a actuación conxunta do Concello de Brión e a Consellería de Cultura permitirá mellorar as condicións de illamento da cuberta do inmoble. Na actualidade, dous dos lucernarios de aluminio lacado instalados na biblioteca están producindo humidades, que serán corrixidas coa colocación de elementos de policarbonato ao redor dos dous lucernarios.
Durante o tempo que duren as obras estarán interrompidos os servizos de sala (lectura, estudo e consulta), se ben tentarase manter na medida do posible o servizo de préstamo e devolución de materiais. Para iso, as persoas que que desexen retirar libros en préstamo deberán contactar previamente coa biblioteca (981 50 99 69) para reservar os materiais e acordar cita para a súa retirada.