Friday 22 de November de 2024

A Xunta consolida o incremento histórico no orzamento en Deportes con 56M€ para 2024


— O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, explicou hoxe en Pontevedra que as contas no ámbito deportivo medrarán en máis dun 27% cunha nova suba récord tras o aumento do 36% xa o ano pasado

— Destacou que desta contía 16,2M€ se destinarán ao Bono Deporte que hoxe presentou ás federacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva

— Puxo en valor a aposta da Xunta polo deporte base con programas como Xogade e polo deporte de alto nivel coa mellora de instalacións como o CGTD e o apoio aos deportistas coas becas DGAN, incluíndo axudas aos que están a preparar os Xogos Olímpicos e Paraolímpicos París 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, adiantou hoxe no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) en Pontevedra o orzamento récord en materia de deportes con 56 millóns de euros, un 27% máis que os 44 millóns deste exercicio. Cómpre lembrar que a deste 2023 xa foi unha cifra récord cun incremento do 36% respecto ao ano anterior.

Nunha reunión con representantes de varias federacións deportivas do CGTD, Diego Calvo abordou as novidades do Bono Deporte, que contará cun investimento de 16,2 millóns de euros para sufragar con bonos de 120 euros tanto as compras de material e equipamento deportivo como a asistencia a clases ou a realización de actividades deportivas. Así, descontarase un 80% de cada compra ata esgotar os 120 euros e, coa súa posta en marcha o próximo xaneiro, prevese que chegue a 135.000 beneficiarios de 6 a 16 anos que practiquen algunha disciplina deportiva con licenza federada ou estean inscritos no programa Xogade.

Diego Calvo incidiu en que esta medida contribúe a fomentar a práctica de actividade física entre as xeracións máis novas, ao mesmo tempo que se impulsa o comercio galego e se apoia ás familias nestes momentos marcados pola inflación, nos gastos que lles supoñen as actividades deportivas nas que participan os seus fillos e fillas.

Ao encontro asistiron representantes das federacións deportivas galegas de bádminton, judo, piragüismo, tríatlon e péntatlon moderno, vela, ximnasia, loita e remo. Por parte da Xunta tamén acudiron o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

O vicepresidente primeiro puxo en valor o compromiso do Goberno galego co deporte base. De feito, o Bono Deporte complementa outras iniciativas como o programa Xogade, que reúne toda a actividade deportiva e lúdica. Na edición do ano pasado acadouse a cifra récord de 135.000 nenos e nenas participantes e xa se publicou a nova edición con 17 actividades e 39 federacións adheridas. Ademais, mantense a gratuidade do seguro que cubre as actividades deste programa aos menos e nenas de 6 a 16 participantes. Galicia é pioneira nesta medida que suporá ata 2024 un desembolso de 4,3 millóns de euros. Nos orzamentos do próximo ano destínase ao programa 3,3 millóns de euros, dos que 2,5 corresponden á anualidade do seguro deportivo, 630.000 euros á actividade deportiva e 180.000 euros en apoio ás agrupacións deportivas escolares participantes.

Por outra parte, Diego Calvo destacou a importancia de contar en Galicia cun centro de referencia nacional a nivel deportivo como o Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, do que saíron grandes deportistas da comunidade. O vicepresidente primeiro saudou hoxe a algúns dos máis de 160 deportistas que adestran no centro e aos integrantes do equipo absoluto de kaiak feminino e o de canoa masculino sub-23 que tamén se preparan no CGTD. Debido precisamente á súa relevancia a Xunta destina cada ano un importante investimento de case 3 millóns de euros ao funcionamento do centro, ao que se suman melloras de eficiencia enerxética co obxectivo de contar cunhas instalacións axeitadas. Por iso, solicitou ao Goberno central maior implicación que os 368.800 achegados este ano polo Consello Superior de Deportes.

Ademais do apoio ao deporte base, no que se refire á aposta polo deporte de alto nivel xunto coas achegas a instalacións como o CGTD, a Xunta mantén a convocatoria anual das axudas DGAN a deportistas de alto nivel, que este ano supuxeron un máximo histórico de 700.000 euros para beneficiar a 445 deportistas. Nesta cifra inclúense 41 federacións deportivas e 40 deportistas que están a preparar a súa participación nos Xogos Olímpicos e Paraolímpicos de París 2024.