Saturday 16 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño obtén unha axuda autonómica de 29.000 euros para construír un ambigú no pavillón municipal


O proxecto, no que se investirán máis de 36.000 euros, foi unha idea recollida no proceso do Orzamento participativo

A Consellaría de Presidencia, Xustiza e Deportes comunicoulle hoxe ao Concello a concesión dunha axuda de 29.469,97 euros ao abeiro da convocatoria plurianual para a mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal. San Sadurniño concorreu na liña dirixida a concellos de menos de 5.000 habitantes cun proxecto que prevé reconverter a zona de aseos anexa ás bancadas do pavillón municipal nunha pequena zona de bar. O orzamento da obra ascende a 36.837,47 euros, de maneira que a subvención autonómica cubriría o 80% do investimento. A proposta presentada por San Sadurniño, xurdida no proceso do Orzamento participativo, obtivo a segunda mellor puntuación das 45 solicitudes admitidas pola Xunta no apartado de municipios con menor poboación.

A construción dun ambigú dentro do pavillón municipal foi unha das ideas recollidas polo Concello na rolda de contactos veciñais para preparar os orzamentos deste ano. Unha idea que quedou anotada á espera de financiamento, como ocorre habitualmente coas iniciativas do Orzamento participativo que o consistorio non pode levar a cabo só con recursos propios.

Neste caso a proposta tivo encaixe na convocatoria de subvencións publicada no mes de agosto pola área autonómica de Deportes, confirmada coa concesión deses algo máis de 29.000 euros de axuda para levar a cabo as obras.

O deseño ten como finalidade transformar os baños existentes na esquina suroeste do pavillón nun recinto para usos sociais e lúdicos -cantina incluída- que poida ser utilizado polos clubes e outras entidades deportivas do municipio que usen as instalacións deportivas.

Son cerca de 40 metros cadrados situados preto da nova entrada principal que arestora están divididos en aseos para mulleres e homes. Como primeiro paso, o proxecto técnico contempla a desmontaxe de todo o equipamento sanitario, a desmontaxe de carpintarías e a demolición dos tabiques interiores e boa parte dos exteriores, que serán substituídos por grandes cristaleiras na parte frontal e lateral.

O espazo diáfano do interior acondicionarase cunha barra e estanterías, ademais de deixar unha zona cercana aos 20 metros cadrados para mesas con visión directa da cancha. O recinto dedicado a ambigú disporá dun aseo único para mulleres e homes de algo máis de 4m², dotado con lavabo e adaptado para cadeiras de rodas e persoas con mobilidade reducida.

O investimento necesario para acometer as obras está cuantificado en 36.837,47 euros, cubertos nun 80% coa subvención da Xunta de Galicia confirmada hoxe mesmo na comunicación da concesión recibida polo Concello. Nela figuran todas as solicitudes admitidas nas distintas liñas da convocatoria, xunto coas puntuacións acadadas por cada proxecto presentado. Na dirixida a municipios de menos de 5.000 habitantes -á que concorreron 45 concellos- San Sadurniño obtivo a segunda mellor valoración técnica e unha axuda de 29.469,97 euros distribuídos case metade por metade entre as anualidades 2023 e 2024.

O Concello iniciará de inmediato o procedemento de licitación das obras, contando con que poidan estar listas durante o primeiro trimestre do ano que entra.