— Ángeles Vázquez lamenta que o Goberno central pretenda eliminar “todo vestixio humano” e de actividade económica e social da franxa costeira e contrapón o modelo estatal de “exclusión” coa xestión integrada que propón Galicia
— Asegura que a lei autonómica aborda a ordenación da costa desde todas as súas perspectivas, definindo 6 usos estratéxicos e sentando as bases para futuras normas
— Alfonso Villares sinala que a lexislación autonómica defendía como estratéxicos e prioritarios os usos pesqueiro, marisqueiro e acuícola, e que a súa impugnación deixa indefenso ao sector ante proxectos que podan vir impostos de fóra
A Xunta considera que a recente decisión do Goberno central de recorrer ante o Tribunal Constitucional a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia paraliza a posibilidade de dotar de servizos básicos ás poboacións asentadas nesta franxa do territorio, ao tempo que pon freo a proxectos e oportunidades de desenvolvemento no dominio público marítimo-terrestre.
Así o advertiu esta tarde a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen convocou na cidade da Coruña a todos os concellos costeiros da provincia a unha reunión para abordar o recurso interposto a semana pasada e as súas implicacións desde o punto de vista municipal.
Acompañada polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e polos delegados territoriais da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e en Ferrol, Martina Aneiros, a vicepresidenta comezou a reunión lamentando a actitude do Executivo central desde o inicio da tramitación da norma e enmarcou a presentación do recurso de inconstitucionalidade nesa mesma liña, ao tempo que recordou que, a día de hoxe, a Xunta segue sen ter nin o texto do recurso nin o ditame do Consello do Estado no que se basea.
Ante medio cento de representantes municipais, entre alcaldes, edís, voceiros e técnicos, Vázquez Mejuto advertiu das consecuencias que terá esta decisión, especialmente para os concellos costeiros galegos, aos que deixa de novo, segundo dixo, nunha “situación de máxima incerteza”, xa que na práctica o recurso supón a suspensión inmediata da norma.
Isto derivará, como explicou, na imposibilidade de levar adiante servizos básicos e esenciais e na perda de oportunidades de desenvolvemento na costa, citando a modo de exemplo dous casos na provincia da Coruña: o saneamento da parroquia de Queiruga, no concello de Porto do Son, ao que se nega o Estado, ou o proxecto para reconverter unha antiga vivenda en Camariñas a uso turístico, cuxa licenza foi tamén denegada.
Neste sentido, contrapuxo o modelo que promove o Executivo central de “exclusión da actividade económica e social” da franxa costeira coa xestión integrada que propón a Xunta e que inspirou a redacción da lei do litoral autonómica. “É unha lei por e para Galicia, na defensa dos nosos dereitos”, declarou a vicepresidenta, para quen con este recurso se volve á situación de partida, en referencia á pretensión do Goberno central de “deixar a costa libre de todo vestixio humano”.
Ademais, recordou que a Xunta, como administración que coñece a súa costa “desde todas as perspectivas, social, económica e ambiental”, definiu 6 actividades estratéxicas para o litoral co fin de ofrecer a seguridade xurídica que necesitan. Por iso, defendeu a visión galega da costa e asegurou que esta lei poderá servir de base para outras normas.
Pola súa banda, Alfonso Villares puxo o énfase sobre o impacto que a arbitraria decisión do Goberno pode ter no futuro de todas as galegas e galegos que viven do mar, recordando que a norma autonómica foi xestada con moitísima información e formación para aportar certezas. Que o recurso chegase “ó ultimo día e á última hora” é unha proba máis do desinterese da cadea mar-industria. “Non ten sentido ningún”, recalcou.
A lei galega, recordou o conselleiro, recoñece o uso pesqueiro, marisqueiro e acuícola como estratéxico e prioritario para o desenvolvemento sustentable do litoral, garantindo o acceso e a permanencia das embarcacións galegas aos caladoiros cuxa regulación sexa de competencia autonómica. “Que se impugne demostra que ao Goberno do Estado lle molesta tamén esa defensa que nós queremos facer dos nosos caladoiros de pesca”, asegurou Alfonso Villares. Asemade, denunciou a paralización de iniciativas que crearían novos empregos no sector pola incerteza xerada.
A arbitraria impugnación por parte do Executivo central en funcións que paraliza a lexislación galega deixa indefenso ao sector, segundo o titular de Mar, fronte a calquera proxecto que veña imposto de fóra amparado en decisións non dialogadas cos profesionais da actividade marítimo-pesqueira, como pode ser a eólica mariña.
O conselleiro de Mar sinalou que nas reunións que se están a manter e que se manterán con tódolos axentes implicados “veremos que medidas se poden tomar para defender o noso litoral e ao noso sector mar-industria, pois o futuro de moitos postos de traballo quedaron agora colgados enriba da mesa, e iso non podemos permitilo”.