As que se atopan en peor estado son a do xardín da Praza do Concello, a situada xunto ao edificio de Facenda e unha das catro da Praza de Vigo
A praga do picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus) afecta xa a catro palmeiras existentes en distintos espazos públicos. Desde o Concello de Carballo encargamos a unha empresa especializada a revisión dos distintos exemplares de Phoenix canariensis que temos repartidos pola zona urbana e por distintas parroquias, e, segundo o informe presentado o pasado día 9, todas están en bo estado agás a do xardín da Praza do Concello, a que está situada xunto ao edificio de Facenda e unha da Praza de Vigo, todas elas cun nivel de afección de entre 3 e 4 sobre 5. Na Praza de Vigo hai outra que está no nivel 2. O resto mantéñense no nivel 1, de momento sen contaxio evidente.
Nos casos máis graves detéctase asimetría na copa e a caída da coroa foliar sobre as follas. Dado o avanzado da afección, as de Facenda e a Praza de Vigo considéranse irrecuperables, e tamén hai moitas dúbidas sobre a supervivencia da gran palmeira do xardín, pero “aínda que a recuperación é incerta, cunha baixa porcentaxe de salvación, polo seu emprazamento e porte merece un intento de recuperación”, indican os especialistas. E iso é o que empezaron a facer hoxe, cun tratamento de endoterapia que se combinará cunha aplicación foliar de insecticida en distintas épocas do ano.
O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e a coordinadora da brigada municipal de xardíns, Cristina Vázquez, realizaron un seguimento da intervención técnica, que nesta primeira fase consistiu na aplicación dun tratamento de endoterapia.
Nestes momentos está en fase de avaliación o estado das palmeiras situadas nos colexios Bergantiños e Nétoma-Razo. En todos os casos, estean ou non afectadas, realizarase un tratamento preventivo.
Un dos problemas para loitar contra o picudo vermello é os síntomas non aparecen ata 6-9 meses despois do inicio da infestación. O informe técnico alude ademais a unha “alta infestación da zona”, e aínda que ata agora as palmeiras de Carballo puideron esquivalo, desde o 2013 a praga foise estendendo por Galicia, especialmente polas provincias de Pontevedra e A Coruña, causando a morte de centos de exemplares.