Saturday 16 de November de 2024

O orzamento do Concello para 2024 será de 43,8 millóns, un 5,54% máis que no presente ano


O Goberno municipal aprobará o próximo 26 de outubro o orzamento do Concello para o próximo ano, que estará en vigor desde o 1 de xaneiro e que ascende a 43.810.000 euros, un 5,54% máis respecto ao do ano 2023. O 61% dos recursos destinaranse a bens correntes, servizos básicos e persoal, para fortalecer aínda máis a prestación de servizos públicos; cun incremento do 13% no caso dos gastos correntes destinado a mellorar o servizo de limpeza viaria, ampliar o mantemento de zonas verdes e dotar de máis calidade a atención ao servizo de axuda no fogar.

Tamén se realizará un investimento moi significativo en novas obras e servizos. Está previsto dedicar 14,6 millóns de euros para numerosas actuacións de asfaltados, melloras e creación de novos tramos de beirarrúas, renovacións da iluminación pública; melloras en parques e instalacións deportivas, sociais e culturais; obras de eficiencia enerxética en edificios municipais; e renovacións de redes de abastecemento de auga, saneamento e pluviais.

En canto aos ingresos, os impostos directos e indirectos supoñen igual que en anos anteriores un 30% do total. O 29% correspóndese aos ingresos procedentes doutras administracións e o outro terzo, aínda que figura como un pasivo financeiro, realmente procederá dos remanentes de Tesourería propios do Concello tras o peche do presente exercicio 2023.

A próximo semana celebrarase unha asemblea coas entidades veciñais máis representativas na que o alcalde presentaralles o documento antes da súa aprobación no pleno municipal.

GASTOS

Persoal: 12.279.860,00 €

Gastos correntes: 14.844.640,00 €

Gastos financeiros: 56.780,00 €

Transferencia correntes: 1.515.730,00 €

Fondo continxencia: 350.000,00 €

Investimentos reais: 14.658.675,00 €

Transferencia capital: 30.000,00 €

Activos financeiros: 36.000,00 €

Pasivos financeiros: 38.315,00 €

INGRESOS

Impostos directos: 12.084.000,00 €

Impostos indirectos: 1.400.000,00 €

Taxas e prezos públicos: 4.748.126,88 €

Transferencias correntes: 12.980.078,00 €

Ingresos patrimoniais: 449.500,00 €

Alleamento invest. Reais: 0,00 €

Transferencias capital: 967.438,05 €

Activos financeiros: 36.000,00 €

Pasivos financeiros: 11.144.857,07 €