Saturday 16 de November de 2024

A Xunta local de Seguridade constata un descenso das infraccións penais cometidas en Santiago e dos casos activos de VioXén no primeiro semestre de 2023


O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a reunión ordinaria da Xunta local de Seguridade, copresidida pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, á que tamén asistiu o concelleiro de Convivencia, Xan Duro, e membros da Policía local, nacional e autonómica. No encontro analizáronse os datos de criminalidade do primeiro semestre do ano, entre os que destacan a redución de infraccións penais e o descenso no número de casos activos de VioXen. A este respecto, a alcaldesa anunciou a reactivación da Mesa Local de Coordinación institucional contra a Violencia de Xénero.

A Xunta Local de Seguridade analizou os datos de delincuencia no municipio no primeiro semestre de 2023 publicados polo Ministerio do Interior, que reflicten que “Santiago é unha cidade segura na que se esclarecen practicamente o 50% dos delitos”, salientou Goretti Sanmartín. Estes datos poñen sobre a mesa un descenso do 1,3% no número de infraccións penais cometidas en Santiago de xaneiro a xuño deste ano con respecto ao mesmo período do ano pasado e sitúan a taxa de criminalidade do concello por debaixo da media estatal.

Na xuntanza tratáronse pormenorizadamente os delitos relativos a roubos en estabelecementos, venda de estupefacientes ou ciberdelincuencia. Sobre este último grupo, a rexedora destacou a redución dos índices, que se “atopan nos mesmos niveis que no 2022”.

Reactivación da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero

Abordouse de xeito específico o aumento dos delitos contra a liberdade sexual, motivado por unha operación policial concreta, así como o estudo dos datos relativos á violencia de xénero no municipio. A este respecto, a alcaldesa anunciou a decisión do goberno de “reactivar a Mesa local de Coordinación institucional contra a violencia de xénero” co obxectivo de tratar esta lacra “non só dende a seguridade, senón dunha forma transversal, atendendo tamén ao ámbito sanitario, xurídico ou educativo”.

Os obxectivos e funcións desta Mesa, da que forman parte o Concello, a Xunta, o Goberno central, os distintos corpos policiais, colectivos feministas, a Xerencia da Xestión Integrada do Sergas, Inspección Educativa de Santiago e os colexios oficiais de Educadoras Sociais, de Psicoloxía e de Traballo Social, son determinar criterios para a detección precoz de casos de violencia no ámbito local; acordar principios comúns para a detección e a atención en casos de alto risco; realizar seguimento dos casos ou impulsar estratexias de sensibilización.

Colaboración institucional

Pola súa banda, María Rivas destacou a colaboración non só entre todos os corpos policiais senón tamén de forma específica entre o Goberno e o Concello no seguimento e protección de vítimas de violencia machista no municipio. Reiteroulle, así mesmo, á alcadesa a total dispoñibilidade e colaboración por parte da Subdelegación do Goberno na Coruña e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para garantir a protección das vítimas de violencia de xénero en Santiago.