O proxecto, financiado pola Deputación da Coruña, leva paralizado desde a formalización do contrato en novembro de 2021.
As obras de reforma tiñan un prazo de execución de 4 meses, e deberían ter sido rematadas en marzo de 2022.
As entidades usuarias levan reclamando durante anos solución ás deficiencias que lles impiden competir en mínimas condicións de seguridade e que fan que acumulen sancións por parte das federacións.
O BNG de Culleredo trasladará ao Pleno Municipal, unha vez máis, a necesidade de executar inmediatamente, en coordinación coas entidades usuarias, a reforma integral do Pavillón de Tarrío. Entidades sociais e deportivas como Balonmán Culleredo, Sport Sala Culleredo ou a ANPA do CEIP de Tarrío, levan reclamando durante anos a resolución inmediata de deficiencias que lles impiden adestrar e competir en condicións de seguridade: goteiras, parquet en mal estado, porterías rotas, liñas sen pintar, ausencia de conexións de rede… o listado de demandas é urxente e inaplazable.
Nalgúns casos, estas deficiencias nas instalacións municipais están a supoñer unha importante carga para os clubes deportivos que fan uso delas, xa que semana tras semana, acumulan sancións por parte das súas respectivas federacións, multas que teñen que abonar os clubes deportivos por cuestións alleas a eles.
Mais o Concello de Culleredo ten paralizada a execución do contrato “Rehabilitacion e acondicionamento do Polideportivo Municipal de Tarrío. POS + Adicional 2/2021 1º Fase” que leva en vigor desde o 25/11/2021 con un plazo de execución de 4 meses, é dicir, que debería estar rematado o 25/03/2022. O goberno municipal non foi quen de dar explicacións sobre os retrasos na execución deste proxecto tras numerosas preguntas do grupo municipal do BNG. Cómpre sinalar que estamos a falar dunha obra financiada pola Deputación da Coruña a través do programa POS+, o que fai aínda máis inexplicable ter chegado a esta situación.
O BNG de Culleredo incluiu esta demanda entre as 50 medidas urxentes para os primeiros 100 días de goberno que trasladou ao resto de grupos municipais que rexeitaron apoialas na negociación previa ao Pleno de Organización celebrado o 1 de agosto, co obxectivo de condicionar a aprobación de salarios ao goberno municipal á execución de ditas medidas.