O concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana interviu na apertura do V Congreso Nacional do Observatorio de Contratación Pública
O concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, interviu esta mañá na apertura do V Congreso Nacional do Observatorio de Contratación Pública. Lage destacou o liderado do Goberno de Inés Rey na contratación: “Na Coruña licitamos só nos primeiros 100 días de Goberno un total de 16.557.323 de euros, case catro veces máis do executado pola Xunta de Galicia en materia de vivenda o pasado ano con 4,5 millóns de euros para os 313 concellos”.
Lage reivindicou a xestión do Concello da Coruña e definiu a contratación como ferramenta de diagnóstico. “A eficiencia na contratación pública é o principal síntoma dun bo goberno e dunha boa xestión” explicou. Lembrou que este verán, o Consello de Contas de Galicia situou á Coruña como a cidade galega con maior execución orzamentaria no informe de fiscalización ás entidades locais.
Na xornada tamén interviron Juan José Pernas García, profesor titular da UDC e codirector do Congreso; José Antonio Moreno Molina, codirector do Observatorio de Contratación Pública, catedrático de dereito administrativo da Universidade de Castilla-La Mancha e codirector do Congreso; Jaime Rodríguez-Arana Muñoz, director do Grupo de Investigación Dereito Público Global, catedrático de dereito administrativos da UDC e codirector do congreso; Xosé Luis Pernas Corral, deputado de Contratación, Patrimonio e Equipamentos da Deputación da Coruña; e Juan Carlos Aladro Fernández, Conselleiro Maior de Contas de Galicia.
Esta tarde, logo do remate da xornada no Paraninfo da UDC, o concelleiro recibirá no Palacio de María Pita ás persoas que asistiron ao V Congreso Nacional do Observatorio de Contratación Pública. “É unha honra acoller na Coruña a expertos e expertas na materia e que a nosa cidade se convirta en sede de coñecemento, tamén sobre a administración”.