Friday 22 de November de 2024

Máis de 1500 firmas para solicitar un caixeiro en Corrubedo


A veciñanza de Corrubedo, co apoio dos membros do equipo de goberno do Concello, presentou hoxe 1502 firmas para solicitar a instalación dun caixeiro automático na parroquia.

Acompañados por varios membros do goberno de Ribeira, veciños da parroquia de Corrubedo presentaron hoxe máis de 1500 firmas en Atención Cidadá co propósito de que as entidades bancarias fagan efectiva esta demanda coa mediación do Concello.
“Dende o goberno municipal imos apoiar esta petición” afirmou o alcalde Luís Pérez. “A veciñanza das parroquias precisa dos mesmos servizos dos que dispón a poboación do núcleo urbano de Ribeira”.

A parroquia de Corrubedo ten unha poboación de 600 habitantes pero o servizo de banca máis cercano está a 10 km. Deste xeito, o rexedor confirmou que trasladaría a petición ásdiferentes entidades bancarias para que a veciñanza de Corrubedo dispoña deste servizobásico “para que as persoas maiores non teñan que dispoñer do transporte público ou de outras persoas para vir a Ribeira a facer xestións bancarias” concluiu.