Friday 22 de November de 2024

Comezan de novo, cun día máis de duración, os cursos para axudar ás persoas maiores a usar os teléfonos móbiles


Máis de 120 persoas participaron nos dez obradoiros celebrados este ano coa colaboración da Cruz Vermella

Volven os cursos para axudar ás persoas maiores a mellorar o uso dos teléfonos móbiles. Este martes comezamos o undécimo do ano, nesta ocasión no mercado municipal. Como en todas as edicións anteriores, os grupos son reducidos para conseguir un mellor aproveitamento das sesións, e con esa mesma finalidade ampliamos un día a duración dos obradoiros, de xeito que, en total, constarán de oito horas, repartidas en catro sesións de dúas horas cada unha (martes e mércores, de 16.00 a 18.00 horas).

O Concello de Carballo volve a contar coa Cruz Vermella para achegar ás persoas participantes os coñecementos básicos sobre o funcionamento dos dispositivos e as aplicacións que lles poden resultar de máis utilidade no seu día a día, como enviar unha fotografía a un familiar ou pedir unha cita para o médico sen necesidade de chamar ou achegarse ata o centro de saúde.

Neste 2023 levamos celebrado xa dez cursos, cunha participación total de máis de 120 persoas. Os obradoiros leváronse a cabo nos centros sociais de Aldemunde, Rus, Vilela e A Brea. Na zona urbana houbo cinco, un na Escola de Arrabaldes e catro no mercado municipal, no que xa está en marcha o quinto do ano.

Esta actividade, que puxemos en marcha no ano 2019 con moitísimo éxito, forma parte xa da oferta permanente das concellarías de Terceira Idade e Servizos Sociais, de maneira que o prazo está aberto durante todo o ano e os cursos vanse organizando cando se reúne un número mínimo de participantes. As persoas interesadas poden anotarse a través das asociacións de cada parroquia e/ou dos consellos parroquiais, na Biblioteca Rego da Balsa ou enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal.