Friday 22 de November de 2024

A escola de música moderna de San Sadurniño oferta actividades para as nenas e nenos máis pequenos


O Concello abre as preinscricións para formar un grupo de Música e movemento con rapazada de 3 a 6 anos

A escola de música moderna botou a andar a principios de ano como proposta experimental e en pouco tempo conseguiu que un bo número de persoas de distintas idades se iniciasen na batería, a guitarra eléctrica, os teclados e outros instrumentos. Malia acudiren ás clases unha vez por semana, os progresos en pouco máis de cinco meses foron notables, tal e como puidemos ver no recital de clausura ofrecido en xuño. Neste novo curso a escola conta con 25 participantes e a expectativa de que durante estas semanas de arranque se sume máis xente. Ademais tamén se pretende fomentar o gusto pola música entre os nenos e nenas máis pequenas, así como proporcionarlles unha boa base -linguaxe, ritmo, expresión, etc.- de cara á súa futura aprendizaxe instrumental. O grupo que se quere formar comprende desde os 3 até os 6 anos e reuniríase na Casa da Xuventude os mércores entre as 17 e as 18:00h. A reserva de praza pode facerse no 685 050 921. Se se xunta un número mínimo de peticións será necesario formalizar a inscrición no Concello, cun prezo de 25€ mensuais.

A nova actividade, denominada “Música e movemento”, terá música e xogo a partes iguais e entrelazadas no programa educativo que se quere levar a cabo. Tal e como apunta Juan Leis, responsable do proxecto, “a educación musical temperá contribúe a que a nena ou neno adquira cualidades que axudan ao seu desenvolvemento integral, facilitando á súa vez a adaptación ao medio social a través da interacción cos demais”.

Con ese horizonte, Música e movemento estrutúrase en cinco liñas de traballo ben definidas que a cativería porá en práctica brincando e aprendendo de maneira natural e, ademais, traballando sobre a expresión corporal, a percepción do espazo e a linguaxe.

Neste sentido abordarase o apartado de música e linguaxe estimulando a voz e a expresividade con xogos de palabras, cancións e xestos. Tamén se incentivará o coñecemento do propio corpo e da súa capacidade para comunicar, transmitir emocións e empatizar.

Moi relacionado co anterior, o programa inclúe a introdución ao ritmo e as figuras musicais facendo xogos de palmas e percusión corporal na compaña de melodías ao piano, que pretenden en último caso exercitar a coordinación. Para adestrar o oído e interiorizar os tempos e compases tamén se farán xogos de percepción acústica.

Música e movemento, que vén sendo a etapa inicial da formación musical infantil, enfiarase con momentos de relaxación, co uso de elementos cotiáns -panos, cintas, aros, bastóns, etc.- e, por suposto, deixando que as pequenas e pequenos experimenten con varios instrumentos musicais.

O Concello ten previsto ofrecer esta nova actividade os mércores de 17:00 a 18:00h na Casa da Xuventude. Vai dirixida a cativería de 3 a 6 anos, co obxectivo de ir ampliando a base da escola de música moderna, que neste momento conta con 25 participantes entre mocidade e persoas adultas.

Para que o grupo de iniciación infantil vaia adiante farán falla un mínimo de familias interesadas en apuntar a rapazada. Para preinscribirse hai que chamar ao 685 050 921 e tan pronto como se confirme que hai nenas e nenos abondos para comezar será necesario formalizar a matrícula nas oficinas do Concello, cun prezo mensual de 25€.