A alcaldesa, Inés Rey, entregoulle á usuaria que fixo a viaxe 1 millón deste ano uns distintivos: “Estamos comprometidos coa expansión e mellora dun servizo de éxito”
O servizo municipal de alugueiro de bicicletas, BiciCoruña, alcanzou o millón de usos no que vai de 2023, confirmando o éxito deste medio de transporte desde a súa completa renovación en xuño de 2022. A alcaldesa, Inés Rey, fixo entrega a Olalla Torres, usuaria número 1.000.000 no que vai de ano, de diferentes agasallos para conmemorar este fito. Ademais, a coruñesa recibiu unha tarxeta por un ano gratis de BiciCoruña.
A cifra dun millón de usos no que vai de 2023 se acadou durante a pasada ponte do 12 de outubro. A día de hoxe, segundo os datos anunciados pola alcaldesa, o servizo empregouse 1.012.155 veces desde o 1 de xaneiro. “Estas cifras amosan o grande éxito que está a ter BiciCoruña entre os coruñesas e as coruñesas, promovendo unha mobilidade sostible pola cidade durante os doce meses do ano”, indicou Inés Rey.
Segundo as estatísticas, en oito dos nove meses completos deste 2023 estableceuse un novo récord de usos. O actual é de 143.201 usos en setembro, case o triplo dos rexistrados en xaneiro, cando foron 52.190 usos. Na actualidade hai 49 estacións operativas e 360 bicicletas postas a disposición dos usuarios e usuarias, das que 165 son eléctricas.
Con respecto aos usos totais anuais de BiciCoruña, a cifra é tres veces superior á do 2022, cando se renovou o servizo. Ademais, é cinco veces superior á media de usos durante os cinco anos anteriores, cando a media se situaba nos 200.000 usos (sen contar os anos 2020 e 2021 polas restriccións da COVID-19).
Inés Rey lembrou durante o acto de celebración do uso 1 millón de BiciCoruña que xa está en fase de licitación a “terceira grande expansión do servizo”, que permitirá adquirir 300 novas bicicletas eléctricas e crear 30 estacións máis, con 640 ancoradoiros. As próximas bases en instalarse serán as localizadas na contorna da praia de Oza, o polígono de Pocomaco, o campus de Oza, o campus da Zapateira e o campus de Elviña. “Estamos comprometidos coa expansión e a mellora dun servizo de éxito como BiciCoruña, no que investiremos nos vindeiros meses máis de 2,5 millóns de euros co obxectivo de que sexa parte fundamental da mobilidade coruñesa”, indicou a rexedora.
Na actualidade, hai máis de 14.000 usuarios activos. “BiciCoruña é un servizo apto para calquera coruñés e coruñesa, xa que na actualidade contamos con máis bicicletas eléctricas que mecánicas e na cidade hai máis de 50 quilómetros de vías ciclables para facer máis seguro o seu uso”, indicou Rey.