Friday 22 de November de 2024

‘A redor dun café’ dá voz a 350 veciños para involucralos na elección das súas propias actividades


• O Concello de Ortigueira desenvolveu entre setembro e outubro 19 reunións nas parroquias para escoitar propostas de lecer a desenvolver

• “Queremos coñecer que lles interesa para ofrecer actividades. Debemos facerlles chegar todo tipo de ferramentas que lles axuden no seu benestar”, apunta a edil de Servizos Sociais, Elisa Dorna

O Concello de Ortigueira finalizou onte luns a serie de 19 reunións do programa ‘A redor dun café’, unha iniciativa “que xurdiu para coñecer as actividades que interesan aos veciños e veciñas”. Entre setembro e outubro, o equipo de Servizos Sociais desenvolveu encontros nas parroquias cos residentes para informar das actividades dispoñibles no seu plan de ‘Envellecemento activo’, pero tamén escoitar todas as propostas da xente.

En total, máis de 350 veciños e veciñas participaron nunha iniciativa coa que a corporación municipal tomou nota para desenvolver iniciativas que máis encaixen cos gustos populares. “Trátase de coñecer que iniciativas interesan. Queremos ofrecer actividades que sexan aproveitadas, dinamizar os centros sociais para que sexan puntos de encontro activos”, explica a concelleira de Servizos Sociais, Elisa Dorna.
Neste sentido, o Concello de Ortigueira puido captar “moitas achegas que fixeron os veciños”. “Este ano o programa xa está pechado e tamén aproveitamos para informar sobre el, pero todas estas actividades propostas terémolas en conta no do ano que vén”, apunta Dorna, que sinala que era clave “ter claro por onde tiraban as ideas dos nosos veciños para organizar algo aproveitable para eles”.

Así, con ‘A redor dun café’, o executivo local foi capaz de chegar directamente á poboación: “Non é máis que unha iniciativa para que os veciños sintan que os que formamos parte do goberno estamos aí. Eles puxéronnos onde estamos coa súa confianza e agora nós queremos facerlles chegar todo tipo de ferramentas e iniciativas que lles axuden para o seu benestar. Para iso traballamos”.
Deste xeito, estas reunións serviron non só para informar e escoitar aos ortigueireses e ortigueiresas acerca das actividades que o Concello ofrece de maneira gratuíta, senón que se converteron nunha actividade máis en si mesma, dentro das actuacións para “axudar á xente a socializar”, algo que “aínda custa despois da pandemia”.

Tanto ‘A redor dun café’ como as actividades ofertadas forman parte do plan integral de ‘Envellecemento activo’, un dos máis amplos e transcendentais dos Servizos Sociais. A maiores, entre outubro e novembro a concellería desenvolverá dúas importantes iniciativas. Por unha banda, a Reunión de Mulleres Rurais este domingo 22. Doutra banda, o 25-N para seguir reforzando a loita contra a violencia de xénero contra as mulleres en todo o mundo.