Friday 22 de November de 2024

A Xunta financia con 170.000 euros un programa de atención integral ás persoas sen fogar que desenvolve Cruz Vermella


— Galicia conta desde 2019 cun plan específico para este grupo de poboación con máis dun centenar de medidas

— O Executivo autonómico destina ao ano máis de 3 millóns de euros en axudas a entidades de iniciativa social e concellos para combater o senfogarismo

O director xeral de Inclusión Social da Xunta, Arturo Parrado, destacou hoxe que Galicia conta desde o ano 2019 cun Plan de atención ás persoas sen fogar, con máis dun centenar de medidas desenvolvidas por distintos departamentos autonómicos que tratan de dar unha resposta integral e personalizada á xente que está nesta situación. Díxoo na presentación dun convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e Xuventude e a Cruz Vermella que dá continuidade durante todo este ano ao programa de acompañamento e persoas sen fogar, financiado pola Administración autonómica con 170.000 euros.

No marco deste programa trabállase tanto con persoas que están en situación de rúa, como coas usuarias de albergues e outros recursos da rede de atención específica ás persoas sen fogar. A través desta iniciativa reciben información e son derivadas aos servizos pertinentes, dispoñen de asesoramento social e legal, así como de acompañamento especializado para a súa inclusión social e residencial. Tamén se presta soporte aos concellos que traballan con persoas sen fogar cando o precisan e se realizan labores de concienciación sobre a problemática do senfogarismo dirixidas á sociedade no seu conxunto.

O director xeral puxo en valor o feito de que hoxe, Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, a Xunta traballe da man de entidades de iniciativa social como Cruz Vermella para promover a igualdade e a participación social plena de todas as persoas, especialmente daquelas máis vulnerables como é o caso das persoas sen fogar.

Axudas a concellos e entidades sociais
Neste sentido, Arturo Parrado lembrou que a Consellería de Política Social e Xuventude conta nas súas convocatorias de subvencións para concellos e entidades de iniciativa social con liñas de axuda dirixidas de forma concreta e específica ao desenvolvemento de programas para persoas sen fogar.

Así mesmo, apuntou que a estas subvencións hai que engadir axudas para a cobertura de necesidades básicas ou para o funcionamento de centros como albergues ou comedores sociais. En conxunto, o Goberno galego inviste máis de 3 millóns de euros ao ano nestes programas especificos.