O Concello abrirá a próxima semana a inscrición na Senda das Ánimas
Neda volverá contar cunha das celebracións de Samaín e magosto máis participativas de Ferrolterra. O núcleo urbano centralizará o sábado 28 de outubro á tardiña a programación festiva, pensada para o desfrute de toda a familia, especialmente, para os máis pequenos da casa. O prato forte será, unha vez máis, a terrorífica Senda das Ánimas, que seguro convocará de novo a xente de toda a comarca.
As actividades arrancarán ás 18 horas coa recepción na contorna da Casa das palmeiras das persoas participantes, ás que se convida a acudir ataviadas para a ocasión e, coas súas cabazas decoradas. E será ao redor das 19 horas cando se inicie o percorrido no que nenos e nenas irán á procura de lambetadas por determinadas vivendas “compinchadas” coa organización.
Será o punto de partida para a exitosa Senda das Ánimas, que discorrerá pola rúa Real. Neste singular percorrido guiado non faltarán a narración de historias terroríficas ni, por suposto, as recreacións sorpresa. Unha proposta que, dado o éxito de público das últimas edicións, requirirá anotarse previamente. Así, o Concello de Neda activará a vindeira semana as inscricións, que serán exclusivamente telefónicas, a través do número da biblioteca (981 390 233).
Recuperados dos sustos, a partir das 20.30 horas, a festa trasladarase ao campo dos Subarreiros, onde haberá un desfile de disfraces e cabazas, e, como non, o tradicional magosto. Será tempo para degustar as típicas castañas asadas e tamén os boliños preñados, e todo ao son da música da Charanga de Carmiña.