· O acto será este xoves, 19 de outubro, na Casa da Cultura, ás 20:30 horas
A Casa da Cultura de Carral acollerá este xoves, 19 de outubro, a presentación do libro ‘Poemas guardados’, de Lino Braxe (1962-2020).
Na obra reúnese a produción poética do autor entre 2008 e 2011, durante as súas estadías en Cuba, Italia e Arxentina. O poeta plasma, a través dos versos, a dor e sufrimento que identifica como inherentes ao ser humano.
Braxe estivo vencellado a Carral en diferentes ocasións. Foi membro do xurado do Premio de Poesía Concello de Carral; actuou no municipio co seu grupo A Caricia da Serpe; e pasou tamén como director e actor polo escenario do Local Xente Nova de Tabeaio. A última visita foi no ano 2016 coa obra do grupo Valacar, da ONCE.
No acto, que dará comezo ás 20:30 horas, intervirán tamén Alexandra F. Otero, Sabela Hermida, Miguel Pernas, Manuela Varela e Eloy Vázquez Fontenla.