Saturday 16 de November de 2024

Representantes municipais e de Viaqua analizan o estado actual na captación na Laracha


O mércores celebrarase unha reunión en Coristanco convocada por Augas de Galicia.

O alcalde, José Manuel López Varela, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Ramón Martínez Barbeito, acompañados por técnicos municipais, mantiveron hoxe unha reunión con René Rodríguez, responsable de operacións de Viaqua -empresa concesionaria da prestación dos servizos de abastecemento de auga e saneamento- para analizar a situación actual da captación no termo municipal.

Aínda que a semana pasada Augas de Galicia activara a alerta por escaseza no sistema de abastecemento do río Anllóns, as chuvias rexistradas nos últimos días e a previsión de precipitacións para as próximas xornadas permitiron que se vaia recuperando a normalidade nos puntos de subministro de auga.

O mércores pola mañá haberá representación tanto do Concello da Laracha como de Viaqua na reunión convocada por Augas de Galicia que se vai celebrar en Coristanco e na que están convidados a participar todos os municipios que captan do río Anllóns. O propósito é coñecer o estado actual e, de ser o caso, estudar as medidas a aplicar para evitar situacións de escaseza como as rexistradas tanto a primeiros de outubro como durante o verán.