As persoas consumidoras teñen á súa disposición un desconto de 30 euros para as compras nos establecementos adheridos, que suman xa máis de 4.000
O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, visitou, esta mañá, o establecemento Ensoños en Fisterra, un dos comercios adheridos ao Bono Comercio. O representante do Goberno autonómico lembrou que, desde o pasado luns, os clientes do comercio galego de proximidade poden descargar e empregar este desconto, ao que a Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 2,5 millóns de euros. Trenor destacou que “o obxectivo desta iniciativa é incentivar a demanda, atraer nova clientela aos establecementos de proximidade, seguir potenciando o contacto das familias co comercio de proximidade e poñer en valor o servizo e a calidade do pequeno comercio traballando conxuntamente para consolidar as vendas”.
A iniciativa, coa que se prevé mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, ten tamén por obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación das familias. Cada persoa poderá descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que suman xa máis de 4.000 e máis da métade 2.300 son da provincia da Coruña.
Os bonos teñen un formato dixital QR e están dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. Só se permite descargar un único bono por persoa, e o importe vaise reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como na edición anterior deste ano non se limita o número de usuarios que poden descargarse os bonos (un por persoa), senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar. Os bonos están dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores ata o 31 de decembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado. Pola súa banda, os comercios que se queiran adherir a esta iniciativa poderán facelo ata o 15 de decembro.
Trenor subliñou que con esta iniciativa o Goberno galego amosa o seu compromiso tanto co comercio local como coas persoas consumidoras convocando este programa que sempre tivo unha repercusión moi positiva. De feito, desde a súa posta en marcha no ano 2021 xa se mobilizaron preto de 54 M€ neste sector favorecendo máis de 950.000 transaccións nos establecementos comerciais.