O Concello celebrará o nadal, entre outras actividades, iluminando unha árbore en cada localidade, de tal xeito que poida conseguirse unha ambientación elegante, simbólica e adaptada á realidade territorial. A importancia que teñen todas as localidades, a dispersión poboacional e a variada morfoloxía das rúas, prazas, núcleos, urbanizacións e contornas, fai economicamente desmedido iluminar rúas ao completo.
A fórmula elixida para conectar co espírito do nadal será alumear unha árbore xa existente, o mellor situada posible en cada localidade, para que ese elemento natural se converta no símbolo da felicidade e os mellores desexos que transmiten as celebracións desa época. Tamén contribúen a ese ambiente festivo as distintas entidades veciñais que realizan iluminacións de distintos espazos e elementos públicos.
Ademais, igual que os anos anteriores, o Concello instalará unha pista de xeo na polideportiva da avenida da II República, en Perillo, desde o 1 de decembro ata o 7 de xaneiro. Tamén se organizará a cabalgata de reis por todas as localidades o 5 de xaneiro.