Aféalle á administración autonómica que fíe todo ao transporte público “obviando que o Clínico é o hospital de referencia dunha enorme área sanitaria”
O PSdeG presentará unha proposición no próximo pleno para instar á Xunta a aceptar a parcela, próxima ao CEBEGA, que o goberno socialista cedera para a creación dun parking de 420 prazas
A mobilidade no entorno do Hospital Clínico segue en primeira liña do debate político logo de que a consellería de Sanidade presentase ao bipartito un informe sobre a situación de tráfico e aparcadoiro na zona. Un informe que, segundo os socialistas, só sirve de “escusa de mal pagador” para que a Xunta “siga tratando aos veciños e veciñas de Santiago como cidadáns de segunda”.
Algo que cualificou de “escandaloso” Mercedes Rosón, afeándolle ao goberno autonómico que queira fialo todo a un déficit no transporte público “obviando que o CHUS é o hospital de referencia dunha enorme área sanitaria”. Precisamente a edil socialista insiste en que “non é de recibo” que “mentres a veciñanza da Choupana e todas as persoas usuarias teñan problemas para acceder, aparcar e moverse na zona” desde a clase política limítense a crear “debates estériles” con “acusacións cruzadas”.
Neste sentido, recorda que o goberno socialista durante o pasado mandato cedeu á Xunta de Galicia unha parcela de 3.500 metros cadrados, ao carón do CEBEGA e a 50 metros do CHUS para a creación dun aparcadoiro cunha capacidade de 420 prazas. Unha solución “realista e realizable” recalca Rosón, e que permite “unha resposta inmediata” que é “o que realmente reclama a veciñanza” insiste, anunciando que o grupo socialista presentará no próximo pleno unha proposición esixindo á Xunta que acepte esta parcela e inicie os trámites para a construción do aparcadoiro.
A que fora responsable de Urbanismo amosouse especialmente crítica coa “ocorrencia repetida” de Borja Verea, cun aparcadoiro que “ten poucos visos de ser realizable”. Sobre esta proposta, pregúntase a edil socialista por que “se tan boa é a súa proposta” e tendo en conta que “é deputado e a Xunta está gobernada polo Partido Popular” non se leva a cabo.
“O que ten que facer o bipartito é sentarse coa Xunta e esixir que cumpran con Santiago, como o fixeron en A Coruña ou en Pontevedra” reclama Rosón recordando que en ambos municipios foi o propio Sergas quen sufragou a creación dos novos aparcadoiros da man da ampliación dos dous hospitais.