Ana López presentará este xoves 19 de outubro o seu poemario Territorio baleiro. Será ás 19.00 horas no teatro As Torres de Santa Cruz. No acto tamén intervirá a poeta Olga Patiño.
Territorio baleiro é un poemario que pretende interpretar os acontecementos que nos rodean desde os sentimentos; testemuñas e vítimas, causas e efectos, expedicionarios á procura de respostas que caen a maioría das veces nunha rede de elucubracións absurdas. Segundo a autora, este libro é un sinxelo esforzo por perforar un tempo consagrado a construír sistemas de deshumanización planetaria que deixan en pé de desigualdade á natureza, e por ende ao ser humano fronte ao denominador común dunha mal chamada “utilidade”.
Ana López dedicouse ao ensino, primeiro como mestra e despois como profesora de Lingua Galega. Nestas dúas etapas, a poesía sempre tivo un lugar importante dentro da aula, considéraa un instrumento pedagóxico valiosísimo para educar a sensibilidade. Ao xubilarse integrouse, durante algún tempo, no grupo de poesía Diversos da Coruña.