Friday 22 de November de 2024

O Concello de Moeche adxudica en 66.000 euros o aglomerado da pista do Castelo a Felgosa


O proxecto financiarase cunha achega da AGADER e fondos municipais

A Xunta de Goberno adxudicou en sesión ordinaria a obra de aglomerado da pista que sobe desde o castelo até o cruzamento coa estrada provincial DP-4904 en Felgosa, San Xurxo, por importe de 66.036,68 € (IVE incluído). Álicitación da obra, publicada na Plataforma de Contratos do Estado a finais de agosto, presentáronse tres empresas. A adxudicataria foi Obras y Saneamientos Galicia S.L. tras obter a maior puntuación no sumatorio total de aspectos valorables nos pregos.

A finalidade da obra é mellorar a seguridade do tráfico e peonil de toda a pista, dándolle para iso un ancho regular a un trazado que nestes momentos ten tres tramos con medidas comprendidas entre os 3,5 e os 4,75 metros. Os traballos tamén comprenden a limpeza de ambas cunetas e o estendido dunha base de saburra compactada que permita ampliar as marxes un promedio de 0,5 metros por cada lado.

Os labores preparatorios inclúen o varrido e a limpeza do asfalto existente, xunto co bacheado previo e o fresado dos lugares onde a pista entronca tanto coa vía provincial, no cruzamento de Felgosa, como co tramo xa acondicionado polo Concello entre a DP-4901 que discorre polo fondo de Moeche e o núcleo de Castelo de Abaixo.

Finalmente cubriranse os 1.230 metros da estrada cunha capa de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor, ademais de pintar a sinalización horizontal.

O proxecto total de licitación ascendía a 66.261,97 euros, IVE incluído, que se financiarán cunha achega de 54.761,96 euros procedentes de fondos europeos canalizados pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER). O Concello de Moeche tamén contribuirá con outros 11.500,01€ de recursos propios.

A empresa Obras y Saneamientos Galicia S.L. conta cun prazo de execución máximo de 4 meses desde a sinatura da acta de inicio e a presentación da documentación requirida no contrato.