Produtos autóctonos, vacas, cabalos, porcos, artesanía etc. De todo se puido mercar nesta feira á que todas e todos os asistentes lle deron o seu visto bo
O Mesón do Vento acolleu o I Feirón Adina, no que houbo postos para todos con produtos para todos os gustos. Unha cita que destacou tanto polo gran número de participantes polo numeroso público que se achegou ata este punto da parroquia de San Pedro de Ardemil. Unhas cifras que animan a continuar con este tipo de iniciativas e convocatorias coas que se lles pretende dar un pulo a esta feira que ten lugar cada quince días, e que no seu día chegou a ser unha das máis importantes da comarca.
O recinto feiral foi lugar de encontro para o gando vacún, cabalar e porcino, mentres que no exterior os postos ofrecían todo tipo de produtos autóctonos naturais procedentes, na maioría dos casos, das hortas da zona. Queixos, castañas, doces, empanadas, churros, roupa, xoguetes, agasallos, artesanía, cestos de bimbio, verduras variadas, antigüidades, zocas etc. De toco se podía mercar hoxe en Mesón do Vento. Incluso hai quen aproveitou a celebración para instalar postos informativos e facer exposición do seu produto, máis con afán promocional que doutro tipo, como foi o caso do posto da Galiña de Mos.
Entretemento e diversión
O ambiente cabalar que propiciaron os xinetes que, ao longo da xornada, se paseaban polas inmediacións do campo da feira, e outras atraccións e curiosidades, contribuíron a que a xente quedara encantada desta iniciativa levada a cabo pola asociación veciñal Campo da Festa de San Pedro de Ardemil en colaboración co Concello de Ordes. Este foi ocaso da mostra de aves rapaces con águias reais, falcóns e demais.
Entre os que acudiron a este I Feirón Adina estiveron o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, e o resto do seu equipo de goberno. Cada un deles pasearon tanto polo recinto feiral como pola carpa instalada para a ocasión, que serviu de abrigo tanto a comerciantes como aos visitantes.