Friday 22 de November de 2024

O Concello de Neda abre este xoves o prazo para anotarse no magosto da terceira idade


O Concello de Neda abrirá este xoves, 19 de outubro, o prazo para inscribirse no seu Magosto da terceira idade. Trátase dunha proposta de lecer, pensada para que as persoas maiores desfruten na vila desta tradicional festa. A cita terá lugar o venres 3 de novembro, a partir das 18 horas.

O centro cívico volverá ser o escenario no que se desenvolva a actividade, recuperada o pasado ano tras o parón derivado da pandemia, que está aberta tanto a veciños e veciñas do municipio como de fóra. Unha escusa perfecta para xuntarse e divertirse.

Durante a celebración non faltará a tradicional degustación de castañas asadas e de boliños preñados, e todo acompañado de viño ou ben de refrescos e, como non, da mellor música. De feito, haberá baile amenizado por un grupo musical.

Para participar cómpre anotarse entre o 19 e o 30 de outubro – ou ata completar aforo- nas oficinas de Servizos Sociais do Concello. Para as persoas residentes en Neda a actividade será de balde, en tanto que a xente doutros municipios terá que pagar 5 euros para participar.