Friday 22 de November de 2024

Máis de duascentas crianzas participaron no obradoiro de conciliación do verán Móvete da Pobra


O verán pobrense trouxo consigo unha nova edición dos obradoiros Móvete para favorece-la conciliación durante toda a época estival; unha prestación que, a maiores, posibilitaba acceder aos servizos de Madruga e Comedor. Novamente, a acción focalizouse no CEP Salustiano Rey Eiras con escolares con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos.

Unha vez iniciado o curso escolar, a Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal fai balance do funcionamento deste campamento: beneficiáronse duascentas familias, principalmente da propia localidade, pero tamén doutros municipios limítrofes; e contou coa participación de 243 crianzas no total, ao longo de todo o período das vacacións (203 da Pobra, 24 de Ribeira, 7 de Boiro, 3 de Porto do Son e 6 doutros municipios).

A concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, apunta que se constata, polo tanto, “a repercusión deste servizo municipal na súa contribución a compatibiliza-la vida persoal e laboral de mulleres e homes durante o verán” e reitera o compromiso da Administración local a este respecto. Neste senso, lembra os obradoiros de conciliación promovidos nos días non lectivos e o Servizo de Madruga durante o curso escolar, así como a continuidade do Espazo de Coidados Corresponsables nas tardes de luns a venres durante o curso 2023-2024.

Ademais, o campamento Móvete contou novamente con monitorado especializado que impartiu actividades de carácter recreativo e integrador no eido deportivo, artístico e da igualdade: festas temáticas, populares, charlas, diferentes disciplinas deportivas, encontro interxeracional co centro de día da localidade, xornada de inclusión con Ambar, saídas á praia, xogos de auga, sesións de contacontos, monicreques, pallasos ou maxia, entre outras propostas, sempre con perspectiva de xénero.