Friday 22 de November de 2024

Ortigueira inicia os trámites para a creación do primeiro “Bird Center” de Galicia


• A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, mostrou o seu apoio ao proxecto nunha reunión mantida co alcalde, Valentín Calvín, e o técnico de Servizos Sociais, Diego Rodríguez

• No encontro trataron outros temas para a mellora de infraestruturas e enclaves naturais no municipio

A creación do primeiro Bird Center de Galicia foi o eixo central na reunión mantida recentemente entre a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, o alcalde do Concello de Ortigueira, Valentín Calvín, e o técnico municipal de Servizos Sociais, Diego Rodríguez.

No devandito encontro, o alcalde explicou á responsable autonómica a intención de executar este proxecto, que terá como fin a información, divulgación, investigación e edición de material didáctico relacionado co mundo ornitolóxico, a paisaxe e os usos e costumes que existen na ría.

Ademais, este novo proxecto inclúe a creación de programas e actividades de acción directa no medio natural, como observación, conservación, control e anelamento das aves. Deste xeito, Ortigueira converteríase no primeiro municipio de Galicia en construír este tipo de museo que se atoparía en plena natureza e aberto ao público, que tería acceso á mellora do coñecemento do mundo das aves e as súas migracións.

Ángeles Vázquez mostrou o seu entusiasmo e completo apoio a esta iniciativa, que trata de achegar á poboación o coñecemento do mundo das aves e as súas migracións. Pola súa banda, o rexedor ortigueirés destacou que se trata “dunha forma de achegar a ornitoloxía á cidadanía e converterse nun municipio pioneiro en Galicia nesta materia, coidando a nosa contorna natural e a súa fauna”.

Outros proxectos pendentes

A maiores, Calvín aproveitou o encontro para tratar outros temas pendentes e dependentes do ente autonómico. Entre eles están a xestión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) ou o proxecto de rehabilitación do hospital ortegano de San Roque.

Trataron, ademais, outras actuacións en enclaves naturais, como a rexeneración do carreiro entre a Lagoa de San Martiño e a Praia Morouzos ou o proxecto de conservación e rehabilitación do Muíño de Campo dá Torre.