Sétima edición da Feira da Faba de Moeche. Unha cita que gozou de boa asistencia de público e tamén boas vendas de produto que, segundo os expositores, este ano foi escaso por mor da seca.
Na nave do Mercado podían atoparse distintas variedades, con prezos comprendidos entre os 5 e os 14 euros o quilo, e 20 no caso das fabas acollidas á IXP Faba de Lourenzá, cuxa produción tamén se resentiu da calor do verán e do arranque atípico do outono.
Ademais do produto estrela -que tivo mellor saída en verde, esgotándose as existencias a media mañá- na feira tamén se podían mercar verduras, chacinas, pan, queixos, noces, etc., así como artesanía.
Desde o Concello fíxose un balance positivo do evento, cun agradecemento especial para a cooperativa Terras da Mariña por non faltar á súa cita en Moeche malia os momentos de tensión vividos no norte de Lugo por causa do incendio declarado antonte na zona de Trabada.
A seguinte grande cita feiral de Moecha -con permiso do mercado do Nadal- será a Feira do Queixo do mes de marzo, que en 2024 será especial por acoller o encontro estatal de queixarías artesanais.