Friday 22 de November de 2024

Conmemoración do Día Internacional do Voluntariado no concello de Riveira


O Concello de Riveira conmemorou o Día Internacional do Voluntariado cun acto desenvolvido no salón de plenos do Consistorio ao que asistiron unha vintena de voluntarios e voluntarias que colaboran activamente no eido social.

O evento contou coa participación da concelleira responsable dos Servizos Sociais, Esther Patiño; da xefa do servizo, María Francisca Vidal, e da traballadora deste departamento María José Carreira.

No transcurso do acto deuse lectura a un manifesto elaborado para a ocasión:

«Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Voluntariado, o Departamento de Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Ribeira quere agradecer, coa lectura deste manifesto, o valor da solidariedade que expresan máis de corenta persoas de todas as idades no noso municipio, como contrapunto ao individualismo que nos rodea.

O voluntariado social de Ribeira constrúese cada día con persoas normais que elixiron cambiar as situacións de inxustiza, illamento, abandono ou intolerancia por outras nas que se reivindique o valor do humano por riba de todas as cousas. Xente corrente que planta cara ao desánimo ofrecendo o seu tempo e esforzo.

Esta expresión de participación cidadá, o voluntariado social, queremos que sexa difundida en todos os contornos onde poida ter arraigo. Que todos os colectivos vulnerables teñan no voluntario ou voluntaria un apoio, que en todos os espazos de participación cidadá se comparta o espírito da entrega aos demais.

Os voluntarios non son seres excepcionais senón persoas correntes que apostaron por comprometerse con esta sociedade en distintos ámbitos. Decidiron e lograron ensanchar horizontes e darse conta de que o mundo se estende moito máis alá da nosa mirada.

Hai moitos espazos onde podemos intervir e que podemos transformar: na Residencia do Maior, na Creba, acompañando a quen o necesita dentro e fóra do domicilio, visitando pacientes no Hospital do Barbanza, impartindo os grupos de reforzo educativo e idiomas á terceira idade, na alfabetización de mulleres inmigrantes, no reforzo escolar despois do colexio e en vacacións colaborando na educación dos nosos cativos, na organización de actividades e competición deportivas, repartindo alimentos entre as familias máis desfavorecidas, na Biblioteca Municipal e nos programas comunitarios de ocio e tempo libre, favorecendo a mediación intercultural, apoiando as ANPAs e centros educativos, e mil e unha actividades puntuais onde os nosos voluntarios se implican.

Hai moitos espazos nos que actuar, multitude de dificultades que atender, e hoxe queremos visibilizar a esta cidadanía activa do noso concello que venceu o desánimo e está disposta a implicarse. Queremos dar protagonismo a todas as persoas que comprenderon que “Facer voluntariado é querer cambiar o mundo e conseguir cambialo”.»

Para rematar, Esther Patiño salientou o exemplo de todas estas persoas e agradeceu o seu traballo desinteresado desexando que as xeracións máis xóvenes se sumen a este labor.