Saturday 16 de November de 2024

Inés Rey sitúa a inserción laboral das persoas con Down como reto para unha plena inclusión


A alcaldesa recibiu no Palacio de María Pita ás familias participantes no XXIII Encontro Nacional de Down España

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu esta mañá no Palacio Municipal de María Pita ás familias participantes no XXIII Encontro Nacional de Familias de persoas con Síndrome de Down, organizado por Down España e Down Coruña. Rey situou a inserción laboral das persoas con Down como reto principal para acadar unha plena inclusión. “O Quiosco Down Experience é o mellor exemplo desa aposta pola inserción laboral e pola visibilización dun colectivo que leva anos loitando porque se lles vexa e se lles reconoza como parte igual da nosa sociedade” explicou.

A rexedora estivo acompañada pola concelleira da área de Benestar Social, Yoya Neira; o vicepresidente de Down España, Manuel Álvarez; e o presidente de Down España, Mateo Sansegundo. Ambos agradeceron o traballo do Concello da Coruña en materia social e a colaboración con Down Coruña. “Desde o 2019 foron moitos os pasos que demos xuntos e que nos trouxeron ata hoxe, mais temos que seguir avanzando e sabedes que contades co noso compromiso para facelo” concluíu Rey.

No encontro participaron máis de 500 persoas de todo o país que se achegaron á Coruña, collendo relevo a Valladolid, cidade na que se celebrara a pasada edición. O evento, ideado co obxectivo de concienciar e mellorar a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e das súas familias, é un dos máis importantes dos que se realizan en España neste eido.