A cita co legume terá lugar na nave do Mercado durante toda a mañá deste sábado con múltiples actividades paralelas
A Nave do Mercado de Moeche acollerá na xornada deste sábado 14 de outubro a sétima edición da Feira da Faba, que recolle a tradición modestina de ser principal punto de venda comarcal deste legume durante as feiras bimensuais de comezos do outono. O evento, agora organizado con entidade propia á marxe dos días 11 e 23, reivindica un froito con grande potencial na zona, sobre todo nun municipio que antano era exportador e que hoxe segue mantendo boas condicións climáticas e de chan para o seu cultivo, ben para a comercialización en fresco ou como parte de produtos transformados. Neste sentido, a feira contará con faba local e doutras partes de Galicia como principal reclamo, pero tamén se rodeará de múltiples actividades para todas as idades.
A cita coincidirá co mercado dos sábados, de modo que ademais de fabas de todas as cores, tamaños e castes, tamén se atoparán produtos habituais como pan, empanadas, queixos, chacinas, verdura e horta, conservas e, posiblemente, cousas de temporada como mel, castañas, noces ou cogumelos. Ademais tamén acudirán postos de artesanía.
En canto aos expositores asistentes, a media tarde de hoxe mantíñase a incógnita sobre a asistencia da cooperativa Terras da Mariña, principal produtora do norte de Lugo dentro da IXP Faba de Lourenzá, debido ao incendio declarado onte na zona de Trabada que aínda hoxe ameaza varios núcleos habitados e que xa leva queimadas máis de 1.200 hectáreas, segundo datos facilitados ás 16:00h por Medio Rural. “Desexamos que o lume quede controlado o antes posible e que non se produzan danos persoais, a xente é sempre o primeiro, aínda que tamén lamentamos as perdas materiais e a maneira en que poida afectarlle á actividade agrogandeira, que nesa zona é principal medio de vida de moitas persoas”, declarou esta tarde a alcaldesa, Beatriz Bascoy.
Cun ollo posto nas noticias que cheguen desde o norte de Lugo, o programa da Feira da Faba de Moeche mantense con poucas variacións con respecto ao anunciado hai xa unhas semanas polo Concello, organizador do encontro coa colaboración da Deputación da Coruña e da AVV Labacengos, encargada de preparar a fabada que se servirá ao mediodía a prezos populares.
A feira estrea formato concentrando toda a actividade pola mañá, desde as 10:00h en que abrirá as súas portas até as 14:30h en que se clausurará. Nesas algo máis de catro horas haberá varios momentos aos que atender.
O primeiro será a apertura do circuíto de educación viaria para a rapazada a iso das 11:30h, simultaneado cun obradoiro de pegatinas e outros deseños cos que as cativas e cativos poderán decorar os seus cascos.
Media hora despois, ás 12:00h, dentro da nave comezará un showcooking ofrecido pola cociñeira Noela Torres, da comunidade gastronómica e cultural “Babuxa”, quen preparará tres pratos para probar: fabas con espárragos trigueiros, panceta e queixo; ceviche de fabas con mango; e hummus de fabas con mexillóns ao escabeche. As prazas no obradoiro son limitadas e haberá que inscribirse no posto de información da feira.
Da parte musical encargarase a charanga Brassica Rapa cunha actuación patrocinada pola rede cultural Dinamiz-Artj que arrancará ás 12:30h, momento no que tamén empezará a servirse a fabada.
Deseguido inaugurarase a exposición fotográfica “Imaxes doutro tempo” organizada polo Concello para celebrar o Día Internacional da Muller Rural. Para este proxecto colectivo recolléronse 60 instantáneas antigas achegadas pola veciñanza que no seu conxunto conforman unha lembranza e unha homenaxe ás mulleres de Moeche.
Un dos momentos fortes da feira será o concurso de debagado de fabas, previsto para as 13:30h. Estará dividido en categoría adulta e infantil e para participar tamén haberá que anotarse no posto de información do Concello.
A competición contra o crono por ver quen baleira máis bagullos finalizará cerca das 14:00h, dándolle paso ao sorteo de lotes de produtos da feira. Os boletos entregaranse coas compras que se fagan ao longo da mañá.
A VII Feira da Faba de Moeche rematará ás 14:30h tras unha intensa mañá na que se agarda bo tempo, entendendo por tal unha temperatura propia destas datas e ceo encapotado pero sen chuvia.
“Castelo de Sons” o domingo
A actividade municipal desta fin de semana complétase o domingo coa segunda entrega do ciclo musical “Castelo de Sons”. A partir das 12:30h actuará na fortaleza de San Xurxo a coral Airiños da Capela, despois de ter que suspender o recital programado para o pasado día 1 de outubro.
O “Castelo de Sons” tamén se organiza coa colaboración da rede cultural Dinamiz-Artj, promovida polo Instituto para a Transición Xusta e a Fundación Ciudad de la Energía naquelas zonas afectadas polo peche de centrais térmicas.