Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño e Laxe asinan un convenio para compartir a bolsa de emprego de Educación familiar


Gracias ao acordo, pioneiro en Galicia, o consistorio da Costa da Morte poderá utilizar a lista de San Sadurniño para efectuar os seus chamamentos

Secundino García avoga por explorar esta fórmula de colaboración con outros concellos da comarca

 

O Boletín Oficial da Provincia do pasado martes publicou o convenio subscrito entre San Sadurniño e Laxe mediante o cal ambos municipios poderán compartir a bolsa de contratación xerada polo noso Concello para o posto de Educación Familiar. O acordo permitiralles ás persoas que formen parte dunha única lista traballar indistintamente en calquera das dúas Administracións no caso de que se produzan baixas ou haxa que cubrir vacacións, seguindo en todo caso a orde de puntuacións e méritos coa que accedan á bolsa. Trátase dun convenio pioneiro en Galicia que abre a posibilidade de replicarse en máis postos de traballo colaborando con outros concellos, o que sen dúbida aforrará procesos selectivos e custes, ademais de axilizar as contratacións e ofrecerlle ás persoas da bolsa máis oportunidades de traballar e coller experiencia.

É habitual que os concellos creen bolsas de contratación para cubrir vacantes, baixas ou vacacións do seu cadro de persoal funcionario ou laboral. Trátase de listas propias para cada Administración local ás que se accede por probas teóricas e/ou prácticas, ademais de pola valoración de titulacións académicas, cursos e experiencia.

As bolsas adoitan xerarse a partir de procesos de oposición para a adxudicación de prazas, de maneira que a lista queda formada por persoas aprobadas que non accederon ao posto ofertado, aínda que tamén pode darse o caso de que os concellos xa teñan cuberta a praza e que lancen a convocatoria coa finalidade de contar con nomes de reserva por se a persoa titular debe ausentarse por calquera razón durante unha temporada. Este último caso é o de San Sadurniño, que neste momento ten en marcha o procedemento selectivo para a confección da bolsa de Educación familiar.

De acordo co convenio asinado hai uns días, unha vez que o procedemento estea rematado tanto San Sadurniño como Laxe compartirán o mesmo listado de contratacións temporais sempre e cando as persoas integrantes autoricen a cesión dos seus datos para optaren aos posibles chamamentos que se produzan en calquera dos dous municipios.

“O novidoso non é que haxa unha lista de contratación para un posto determinado, senón que esa lista sexa compartida por dous concellos”, apunta Secundino García. O rexedor engade que a idea partiu das Secretarías municipais dos dous municipios: “en Laxe non contan con bolsa de emprego para Educación Familiar, mentres que nós temos moi avanzada a confección da nosa. Os departamentos de Secretaría analizaron os aspectos normativos e técnicos e propuxeron a sinatura dun convenio que lle aforrará a Laxe ter que iniciar a curto prazo un proceso selectivo que nós estamos a punto de finalizar”.

O acordo subscrito por Secundino García e polo alcalde de Laxe, o popular José Luis Pérez Añón, non implica custe económico para ningún dos dous municipios, agás o das contratacións que cada un deles realicen cando sexa necesario acudir á lista. O rexedor local destaca que esta nova vía de colaboración entre concellos “vai ser beneficiosa principalmente para as persoas integrantes da bolsa, que terán, a priori, o dobre de opcións de traballar e de incrementar a súa experiencia laboral para ter máis puntos en futuras oposicións”.

O alcalde avanzou que o convenio con Laxe servirá para “poñer a proba” o funcionamento dunha bolsa compartida e que, se a experiencia funciona, sería “un punto de arranque” para extender a fórmula “a outros concellos, preferiblemente da nosa comarca ou máis próximos a San Sadurniño”.