No último trimestre presentáronse 16 solicitudes de licenza, e no que vai de ano xa se supera a cifra total do 2022
O ano pasado presentáronse a través do rexistro municipal un total de 22 solicitudes de licenza para outras tantas vivendas unifamiliares. No que vai do 2023 xa se superou esa cifra, cun total de 25, e coa particularidade de que 16 desas solicitudes foron tramitadas no último trimestre, entre xullo e setembro. Había moito tempo que non se rexistraban tantas licenzas nun só trimestre. É máis, no 2013, 2014, 2015 e 2016 nin sequera se acadou esa cantidade en todo o ano.
A construción de vivendas unifamiliares é, desde o 2008, o principal sostén da actividade no sector da edificación residencial. Desde que rematou o boom tramitáronse no noso concello licenzas para un total de 341 vivendas, 43 delas en edificios e o resto, que representan o 87,4%, en casas illadas.
En canto ao emprazamento das 16 vivendas cuxa tramitación comezou no último trimestre, en cinco casos sitúase na parroquia de San Xoán Bautista, en zonas como Fonte Caldeira ou Cernide. Outro foco de actividade é a costa, con tres solicitudes para a parroquia de Razo e unha para a de Noicela, e o resto concéntranse nas parroquias periféricas do ámbito urbano: Bértoa (3), Ardaña (2), Sísamo e Verdillo.
Novas normas de habitabilidade en Galicia
O 15 deste mes entra en vigor o Decreto 127/2023, polo que se aproban as normas de habitabilidade das vivendas de Galicia, unha revisión da lexislación que flexibiliza as condicións de protección de vistas das vivendas en plantas baixas co obxectivo de que se poida realizar o cambio de uso de locais comerciais baleiros a vivendas nas debidas condicións de calidade, intimidade e seguridade.
Esta nova norma permitirá, deste xeito, que locais que levan tempo sen uso poidan ser transformados en vivendas para dar resposta á crecente demanda de pisos, sobre todo en alugueiro, e á escaseza actual da oferta. Algunhas persoas propietarias xa se achegaron ata a oficina técnica municipal para interesarse por esta posibilidade.