Friday 22 de November de 2024

Comezan as obras de construción do paso para vehículos entre Matogrande e Xuxán por Juan Díaz Porlier


O Goberno de Inés Rey ten previsto habilitar o primeiro enlace entre ambos os barrios antes de que remate este ano

Ademais, está prevista a construción dunha nova área de estacionamento na contorna da rúa Sebastián Martínez Risco, con 28 prazas

O Concello da Coruña avanza nos traballos para conectar os barrios de Matogrande e Xuxán, que estarán unidos antes de finais de ano porun novo enlace, en forma de ‘U’, que permitirá o paso de peóns, ciclistas e vehículos desde a rúa Juan Díaz Porlier en dirección á nova praza central de Xuxán.

Unha vez completados os estribos que descansan sobre os muros de perpiaño no lado de Xuxán, a semana pasada comezou a execución dos microchantóns que materializarán as cimentacións dos piares a ambos os lados da vía, así como o estribo do lado de Matogrande, que formarán parte da estrutura dos brazos simétricos que conformarán dous pasos xemelgos que, partindo desde Matogrande e por riba da vía férrea, estarán unidos á calzada do sector setentrional do barrio de Xuxán.

Esta intervención lévase a cabo tras completarse, previamente, os traballos para desmontar e acondicionar o noiro de terra situado ao final da rúa Juan Díaz Porlier, onde se habilitará o estribo necesario para executar a conexión desde Matogrande a Xuxán.

A previsión do Concello é que, xa a comezos de novembro, aproximadamente na primeira semana, comecen a instalarse os piares prefabricados que estarán situados a ambos os lados das vías férreas, unha actuación fundamental para acometer, posteriormente, os traballos na infraestrutura do propio paso en ‘U’.

Continúan os traballos no falso túnel sobre a liña ferroviaria

En paralelo, o servizo municipal de Infraestruturas continúa coas obras de construción da outra nova conexión entre Matogrande e Xuxán, un falso túnel de 70 metros de lonxitude sobre as vías férreas. Na súa superficie será unha gran zona verde, que incluirá unha senda peonil que permitirá o paso de viandantes e ciclistas entre ambos os barrios.

O falso túnel cobre un tramo da vía do ferrocarril e permite tamén a unión, peonil e ciclable, os dous barrios. Unha vez que se completen os traballos, será posible ir a pé ou en VMP entre as rúas Sebastián Martínez Risco —en Matogrande—, A Canteira, Cernadas e Longarela —en Xuxán— e a propia avenida de Xuxán a través dun novo espazo axardinado.

A este respecto, a finais de setembro rematou a segunda fase de formigonado na superficie da estrutura do falso túnel, polo que o Goberno de Inés Rey ten previsto avanzar xa nos vindeiros días coa urbanización deste novo espazo público, dándolles forma á senda peonil e ás áreas axardinadas.

Unha nova área de estacionamento preto de Sebastián Martínez Risco, con 28 prazas

Durante os traballos para urbanizar a contorna do falso túnel tamén se executará a construción dun novo aparcadoiro en paralelo á estrutura, que dotará a zona próxima á rúa Sebastián Martínez Risco de 28 novas prazas para o estacionamento de vehículos.

Por outra banda, e unha vez que finalizaron os traballos para elevar os muros de contención de terra paralelos á liña de ferrocarril, xa se está avanzando na instalación da iluminación pública e tamén na pavimentación do viario que dará conexión entre o paso en ‘U’ e o resto do viario de Xuxán.