Friday 22 de November de 2024

Manu Gómez recibe o “Touche Blanche. Gorro Branco” de Radio Turismo en recoñecemento á súa positiva traxectoria como cociñeiro


O premio foille entregado esta mañá en Brión polo alcalde Pablo Lago

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, entregou esta mañá a Manu Gómez, cociñeiro veciño do municipio, o Gorro Branco do “Touche Blanche”, que concede Radio Turismo en recoñecemento ao seu traballo e “á súa positiva traxectoria no desenvolvemento da profesión de cociñeiro plena de aromas e de sabores”. Un galardón que lle foi concedido o pasado mes de xuño pero que Manu Gómez non puido recoller en persoa en Málaga, polo que a organización enviou a Brión o diploma e o gorro conmemorativos para que lle foran entregados polo alcalde brionés.

Ao acto de entrega acudiron familiares y amizades de Manu Gómez, entre as que se atopaban o alcalde de Ames, Blas García, e o cómico Federico Pérez. Pablo Lago felicitou a Manu Gómez polo seu galardón e deulle a benvida a Brión: “esta é a túa casa. É unha honra ter veciños tan talentosos”.

Pola súa banda, Manu Gómez amosou a súa satisfacción pola consecución desta distinción pois “somos corenta. Está Javier Olleros, Lucía Freitas… é unha distinción bastante boa”. Asegura que “xa é un pouco tocar a cima. Quedei campión do mundo de cociña contemporánea e que agora me outorguen o Touche Blanche… Pero espero seguir colleitando éxito porque a cabeza non para”.

Manuel Gómez ten 35 anos e é orixinal de Rianxo. Asegura que a súa cociña é alternativa e moderna, pero que recorde á das nosas avoas. Neste sentido, aposta sempre por utilizar produtos galegos de calidade e quilómetro cero, sempre tratados co máximo respecto para conseguir o mellor prato posible.