Friday 22 de November de 2024

Mila Castro defende a permanencia do quiosco do Toural: “forma parte da propia esencia do casco histórico e o Concello ten que mercalo para darlle unha nova vida”


O establecemento, situado na rúa Nova, anunciou o seu peche despois de 113 anos de actividade

Cualifica de “brindis ao sol” o anuncio da alcaldesa de licitar o quiosco “cando non se pode facer porque a infraestrutura non é pública”

Despois de 113 anos de actividade, o quiosco do Toural está próximo ao seu peche despois de que os seus actuais xestores anunciasen que, por cuestións de viabilidade económica, non seguirán á fronte do mítico local da rúa Nova. Un anuncio que lamentan desde o PSdeG reclamando solucións desde o Concello: “despois de 113 anos de actividade forma parte da propia esencia do casco histórico”.

Mila Castro preguntará no próximo pleno polas accións que se teñen pensado levar a cabo desde o goberno para evitar o peche do quiosco e cualifica de “brindis ao sol” o anuncio da alcaldesa no que falaba de licitar o espazo “cando esta infraestrutura non é pública”.

Así as cousas, a edil socialista insiste en que a administración autonómica debería mercar o local, que adquirira a propia familia de Ana Veiga, anterior xerente do quiosco e nai de Eva, a actual xerente, en 1947. Precisamente, Castro explica que “só cinco minutos falando con Ana Veiga son suficientes para entender que este establecemento non é un local máis”.

Apelando á nostalxia porque “ninguén imaxina a rúa Nova sen ese quiosco”, Mila Castro reclámalle ao goberno que “tome a iniciativa” para evitar o peche e insiste en “que non se debe caer en anuncios baleiros e que faltan á verdade”, ofrecendo a total colaboración do grupo municipal socialista “para que, xunto o pazo de Bendaña, sigamos tendo onde mercar o xornal despois do 20 de outubro, cando está previsto que o quiosco peche”.