Friday 22 de November de 2024

A Consellería de Política Social regula por primeira vez o proceso para a emisión do informe sobre o esforzo de integración dos estranxeiros que residen en Galicia


A Xunta de Galicia emite desde 2011 informes de esforzo de integración ao abeiro da lei orgánica 4/2000 sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social

A Consellería de Política Social vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se regula o procedemento para a emisión do informe sobre o esforzo de integración da persoa estranxeira no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. A pesar de que a Xunta de Galicia emite desde 2011 informes de esforzo de integración ao abeiro da lei orgánica 4/2000 sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, é a primeira vez que se regula na Comunidade Autónoma galega este procedemento.

Así, a orde publicada o pasado 25 de novembro, establece o procedemento para a emisión dos informes de esforzo de integración da persoa estranxeira en Galicia, e determina o contido mínimo das accións formativas e as entidades que poden impartir esta formación.

O informe poderá ser alegado pola persoa estranxeira como información valorable polas Oficinas de Estranxeiría no caso de non acreditar o cumprimento dalgún dos requisitos previstos na lexislación estatal en materia de estranxeiría na renovación da autorización de residencia temporal non lucrativa, residencia temporal por reagrupamento familiar, residencia temporal e traballo por conta allea ou residencia temporal e traballo por conta propia.

O tipo de formación esixida para a emisión deste informe será aquela destinada ao coñecemento valores constitucionais de España, estatutarios, valores da Unión Europea, dereitos humanos, liberdades públicas, democracia e tolerancia, igualdade e aprendizaxe das linguas oficiais. Tamén se poderán ter en conta outras accións de formación para o emprego impartidas polos servizos públicos de emprego e formación ou por entidades inscritas no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego, así como a participación en programas de inclusión sociolaboral que recibirán financiamento da Comunidade Autónoma.

Poderán impartir esta formación entidades locais, universidades, centros educativos oficiais que impartan ensinanzas de idiomas de réxime especial, centros autorizados para impartir educación de persoas adultas e tamén entidades de iniciativa social inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos sociais así como aquelas entidades inscritas no Rexistro de Centros e Entidades de Formación para o Emprego.

Lei sobre dereitos e liberdades do estranxeiro
Poderán solicitar o devandito informe as persoas estranxeiras empadroadas nalgún concello de Galicia con autorización de residencia temporal no momento da solicitude e que se atopen dentro do prazo previsto para a súa renovación e que participaran en accións formativas. Trátase de estranxeiros aos que se lles aplica o réxime xeral, non o réxime comunitario. En Galicia hai un total de 98.245 persoas estranxeiras, das cales 58.318 son persoas estranxeiras procedentes de países extracomunitarios ás que se lles aplica o réxime xeral e 39.927 son persoas estranxeiras procedentes da UE ás que se lles aplica o réxime comunitario.

A lei sobre dereitos e liberdades do estranxeiro en España e a súa integración social establece que as Administracións Públicas incorporarán o obxectivo da integración entre inmigrantes e sociedade receptora, con carácter transversal a todas as políticas e servizos públicos, promovendo a participación económica, social, cultural e política das persoas inmigrantes, nos termos previstos na Constitución, nos Estatutos de Autonomía e nas demais leis, en condicións de igualdades de trato.