Friday 22 de November de 2024

O xurado da XXVI edición dos Premios Prismas premia a sete proxectos pola súa labor de divulgación científica


Outorgou o Prisma Especial do Xurado ao Planetario de Pamplona pola súa gran implantación social o nivel de excelencia do equipo

Tamén se outorgou unha mención honorífica na modalidade de Prisma Especial do Xurado a Rogelio Sánchez Verdasco polo seu enfoque innovador e traballo colectivo

Os premios entregaranse nunha cerimonia de premios o vindeiro sábado 18 de novembro, que contará coa asistencia dos galardoados

O xurado da XXVI edición dos Premios Prismas Casadas Ciencias xa decidiu os proxectos premiados para este 2023, no que sete traballos recibirán o Prisma de Bronce segundo a súa categoría: Vídeo, Novos medios, Texto inédito e audoeditado, Libro editado, Artigo xornalístico, Radio, Proxectos singulares. Ademais, o xurado tamén outorga un Prisma Especial. Todas as modalidades, excepto a de Libro editado e a de Prisma especial do xurado, están dotadas cun premio de 4.000 euros.

O xurado outorgou o Premio Prisma na modalidade de vídeo a Maa-Yiem, la extraordinaria historia de Jordi Sabater Pi de Alfonso Par, por dar visibilidade a unha figura fascinante a través dun magnífico relato e o uso exemplar dos recursos cinematográficos. E no canto de mellor traballo en novos medios a Amautas: la aventura del conocimiento, presentado por Javier Santaolalla Camino, Jorge Pérez Melián e José Daniel Edelstein Glaubach por poñer ao alcance do público unha oferta multiformato de contidos divulgativos variada e de gran calidade; xunto co mellor traballo en radio a Desdibuixem les cançons de Marco Mezquida amb les il·lusions musicals, de Laura Farré Rozada, por incorporar a perspectiva das matemáticas á programación cultural dunha emisora pública, achegando a ciencia a novas audiencias.

Na disciplina escrita, o xurado dos Premios Prisma determinou que o premio a mellor libro editado era para La lira desafinada de Pitágoras, de Almudena Martín Castro para Harper Collins Ibérica, por narrar de forma accesible, rigorosa e elegante o complexo vínculo entre a ciencia e a música. O traballo La ciencia de estirar el tiempo, de Eugenia Angulo Alonso para Revista Alfa, foi galardonado co premio a mellor artigo xornalístico por ofrecer unha mirada ao futuro baseada na investigación contemporánea nun texto de gran calidade que acode a fontes diversas e relevantes.

En canto ao premio a mellor proxecto singular foi para o traballo María Andresa Casamayor, presentado por Julio Bernues Pardo, Pedro Miana Sanz, Raquel Villacampa Gutiérrez e Instituto Universitario de Matemáticas y Aplicaciones da Universidade de Zaragoza, por recuperar unha figura descoñecida pero de gran relevancia a través de múltiples formatos e coa participación de diversos axentes sociais.

O xurado decidiu declarar deserto o Prisma ao mellor texto inédito ou autoeditado de divulgación científica, sendo un total de sete os proxectos premiados nas oito modalidades incluidas nas bases.

Premio Especial do Xurado

Ademais, o xurado outorga cada ano un Premio Prisma Especial. Nesta edición, o galardonado foi o Planetario de Pamplona pola súa gran implantación social, o extraordinario impacto público das súas iniciativas e o nivel de excelencia mantido polo seu equipo ao longo dunha extensa traxectoria.

Tamén se decidiu outorgar unha mención honorífica nesta modalidade a Rogelio Sánchez Verdasco, polo seu infatigable impulso de proxectos colectivos e o enfoque innovador do seu traballo sempre xeneroso.

O xurado, que se reuniu entre os días 9 e 10 de outubro, está composto por Elena Lázaro, coordinadora da UCCi na Universidade de Córdoba e presidenta do xurado; Carolina Llorente, coordinadora do Centro de Estudios de Ciencia, Comunicación y Sociedad en Universitat Pompeu Fabra; Óscar Huertas, técnico de Comunicación e Divulgación Científica en CICA-UDC; Manuel Rey, responsable de comunicación no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); Socorro Castro, profesora titular de Química Inorgánica na Universidade da Coruña; e Marcos Pérez Maldonado, xefe de servizo dos Museos Científicos Coruñeses e secretario.

Os premios Prismas son unha iniciativa dos Museos Científicos-Concello da Coruña que pretende potenciar a difusión da cultura científica en España e apoiar a todos os profesionais que traballan neste campo. Entregaranse nunha cerimonia o vindeiro sábado 18 de novembro, que contará coa asistencia dos galardoados. Coa súa organización, o Goberno de Inés Rey contribúe a apuntalar o posicionamiento da Coruña como cidade vinculada á divulgación científica.