Un grupo dunhas 50 persoas da UNED Senior da Coruña visitou esta mañá San Sadurniño para coñecer algunhas das iniciativas relacionadas co turismo e o desenvolvemento local que se están levando a cabo desde o Concello.
Despois de seren recibidas e recibidos na casa consistorial fixeron un pequeno percorrido pola zona da Cortiña e do paseo fluvial, onde se encontran a horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos, o arboreto de especies do país, a Fraga Máxica, o colmear didáctico e a área de servizos para autocaravanas. O itinerario rematou nos sendeiros dos xardíns municipais.
O grupo estivo acompañado polo concelleiro Manolo Varela, quen lles explicou os proxectos municipais relacionados con estes espazos, ademais de facerlles unha breve reseña da súa historia.