Friday 22 de November de 2024

Retirados 390 kg de residuos durante a xornada de limpeza na Praia de Coroso


Este ano o Concello de Ribeira sumouse á Limpeza Simultánea de Praias que anualmente convoca a plataforma ecoloxista Adega. O pasado sábado 7 de outubro, membros do equipo de goberno do Concello de Ribeira e arredor duns 30 voluntarios desprazáronse ata o areal de Coroso para retirar residuos da praia.

O Concello proporcionou luvas e bolsas aos voluntarios, que retiraron un total de 390 kg de residuos, na maioría microplásticos. Na xornada, que durou dúas horas, colaboraron tamén as asociacións Ambar e Amas de Casa de Ribeira.

Ao remate, a concelleira de Medioambiente e ambientóloga, Antía Alberte, realizou unha pequena charla sobre a correcta separación de residuos. “Xornadas como esta son de suma importancia para o benestar dos nosos ecosistemas costeiros e, polo tanto, para o planeta no seu conxunto. Estas actividades reúnen a persoas de diferentes idades, procedencias e culturas, cun obxectivo común: preservar e protexer a beleza natural das nosas praias e océanos.” explicou a concelleira.