Están programadas actividades para os venres e sábados dos meses de outubro, novembro e decembro
Coa chegada do outono, Brión estrea unha nova edición do Outono Cultural 2023 que encherá de actividades o centro social polivalente durante os meses de outubro, novembro e decembro. Un programa onde destacan as artes escénicas, cunha quincena de propostas tanto de teatro profesional como amador.
O Outono Cultural 2023 arrincou esta fin de semana coas actuacións de Amorodio Teatro, con “A nai”, e Teatro Tiruleque con “Soutelo Enterprise”, montaxe teatral que abriu o ciclo de teatro amador Fegateatro, nado da colaboración entre o Concello de Brión e a FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado).
Teatro profesional os venres e afeccionado os sábados
Na súa nova edición, o Outono Cultural centra a súa proposta cultural e de lecer nas artes escénicas, con representacións teatrais os seráns dos venres e sábados. Por unha banda, o ciclo Fegateatro achegará as súas propostas de teatro amador todos os sábados, ás 20:00 horas, no Centro Social Polivalente. Entrada de balde ata completar a capacidade da sala.
Polo escenario brionés desfilarán compañías como Hipócrita Teatro con “Arte” (14 de outuro), Teatro do Ar con “Lonxe dos teus abrazos” (21 de outubro) e Microteatro, unha divertida fórmula na que tres compañías presentan tres obras de pequena duración: “Punta, tacón”, de Farándula Velutina; “Capoeira”, de Teatro Escoitade; e “Tránsito”, de Teatro de Cámara Ditea. As dúas últimas actuacións do Fegateatro serán o sábado 18 de novembro, con “Nice to kill you” de Teatro de Cámara Ditea; e o 16 de decembro, con “A pena do cu do mundo”, de Carrachanacacha do Aturuxo de Melpómene.
A cita co teatro profesional será os venres, ás 20:00 horas, no Centro Social Polivalente, tamén con entrada de balde ata completar a capacidade do local. Iso si, a diferenza do anterior neste caso será preciso reservar as butacas a través da Billeteira municipal (bandoticket.com). Así, este venres 13 de outubro será a quenda de A Laverca, que porá en escena “De algo hai que morrer”. Completarán as actuacións Teatro do Noroeste con “Feirantes” (venres 20 de outubro) e A Panadería, con “As que limpan” (venres 17 de novembro).
Música, Magosto e festival Brión Inclúe
A música estará representada no Outono Cultural 2023 por un concerto da Banda de Música Municipal de Brión e un recital de Rafa Fernández, que se celebrarán os días 2 e 1 de decembro respectivamente. Neste último, Rafael Fernández quere homenaxear a vida e traxectoria profesional do fotógrafo José Suárez, recoñecido internacionalmente pola súa serie ‘Mariñeiros’, que ofrece imaxes do peirao de Massó, a praia da Banda do Río ou de Beluso. Como todos os anos, non faltará a cita co tradicional Magosto. Será o venres 24 de novembro. E como non, unha nova xeira do festival Brión Inclúe, que se celebrará do 2 ao 12 de novembro e que proximamente dará a coñecer a súa programación.
Completan o Outono Cultural 2023 outros espectáculos como Elisardo de la Cruz García con “Esas cousas marabillosas” o venres 27 de outubro; a actuación da Asociación Cultural O Xeito, con “Ámote”, o sábado 25 de novembro e a divertida obra “Pirolíticos” a cargo de Mofa e Befa o venres 15 de decembro.
O acceso será libre e de balde a toda a programación do Outono Cultural 2023. No caso do Fegateatro o acceso será libre ata completar a capacidade do local, mentres que no resto das actividades será preciso reservar entrada en http://billeteira.concellodebrion.gal.