A Corporación Municipal, convocada polo goberno do PSOE, celebrou hoxe un Pleno Extraordinario para refrendar unha decisión tomada polo Alcalde, cando as bases do POS+ da Xunta claramente sinalan que é competencia do Pleno aprobar a solicitude deste financiamento provincial.
O goberno municipal coñece desde o mes de xuño que debía levar este asunto a Pleno, por resolución emitida polo propio Presidente da Deputación, compañeiro de partido do goberno municipal, pero a súa parálise e ineptitude provocou que non se cumprise en prazo con este procedemento.
Na decisión tomada polo Pleno refréndase ademais o proxecto para o Monte Alfeirán, que non inclúe as modificacións solicitadas pola súa veciñanza.
A Corporación do Concello de Culleredo aprobou hoxe en Pleno Extraordinario, coa abstención do Grupo Municipal do BNG, a participación do noso concello no programa adicional do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña (POS+), fóra do prazo sinalado pola propia entidade provincial. O Alcalde de Culleredo, José Ramón Riobóo, aprobou dita solicitude de participación sen competencia para facelo. O goberno municipal é coñecedor desde o pasado mes de xuño desta irregularidade, o cal foi comunicado por resolución da Deputación asinada polo propio Presidente, Valentín González Formoso, compañeiro de partido do propio Riobóo. Sen embargo, o asunto tivo que ser aprobado hoxe en Pleno fóra de prazo, o cal non fai máis que confirmar a absoluta falta de dedicación ao seu traballo por parte dos membros do goberno de Culleredo. Cómpre lembrar que este asunto podería ter sido incluido no Pleno Ordinario celebrado hai menos de dúas semanas, o martes 26 de setembro, primeiro Pleno Ordinario celebrado pola Corporación Municipal desde o pasado mes de abril.
O BNG, a través da intervención do seu portavoz Tono Chouciño, deixou ás claras as irregularidades que levaron a este punto, mais tamén insistiu no desacordo da veciñanza do Monte Alfeirán co proxecto de reforma do seu viario público. O proxecto que hoxe se aprobaba presentar ao POS+ non recolle as modificacións solicitadas polas veciñas e veciños deste barrio, quenes amosaron en reiteradas ocasións a súa disconformidade co proxecto presentado polo goberno municipal e coa falta de escoita activa por parte dos seus responsables políticos. Segue pendente a solicitude feita polo BNG ao goberno municipal no Pleno do pasado día 26 para que amose o proxecto á asociación de veciños do Monte Alfeirán e que se estudie a incorporación das melloras que propoñen.