Friday 22 de November de 2024

Rueda avanza a creación dun Bono Universal de 5.000 euros ao ano para as persoas con dependencia que son coidadas na súa casa


— Anuncia tamén un complemento de 1.200 euros anuais para todos os dependentes que conten cun bono para acudir ao centro residencial da súa preferencia

— Galicia será a primeira comunidade en España en universalizar os coidados independentemente do grao de dependencia e da renda do beneficiario

— Avanza que a Xunta creará o Carné+65 para ofrecer descontos ás persoas maiores

— Adianta que, a partir do ano que vén, a Tarxeta Benvida será enviada directamente ás familias que cumpran os requisitos

— Indica que baixará nun punto o tipo xeral, ata o 8%, do Imposto de Transmisión Patrimoniais para a compra dun inmoble de segunda man

— No ámbito industrial, salienta que os proxectos de maior relevancia terán garantida a tramitación no prazo dun ano e que se creará un fondo de capital público-privado para facilitar financiamento ás iniciativas que dan os seus primeiros pasos

— Apunta que a Xunta creará un parque canino en cada unha das sete cidades galegas, para os que os concellos só terán que ceder as parcelas

— Sinala que a Xunta reforestará as marxes das vías de altas prestacións de titularidade autonómica con especies autóctonas e frondosas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou durante a súa primeira intervención no Debate sobre política xeral varias medidas de apoio ás familias e aos maiores, de mellora na atención ao dependentes así como iniciativas para facilitar o acceso á vivenda ou para impulsar proxectos industriais na comunidade.

Unha das medidas anunciadas esta mañá polo titular do Goberno galego é a creación dun bono universal de 5.000 euros ao ano para todas as persoas con dependencia que reciban os coidados dun familiar, un veciño ou un profesional na súa propia casa. Tal e como explicou Rueda, estas axudas van converter Galicia na única comunidade en contar cun bono universal para persoas con dependencia sexa cal sexa o seu grao ou a súa renda e, polo tanto, converterá á comunidade no lugar con máis apoios para que os maiores sexan atendidos no seu fogar.

E no caso dos dependentes que xa conten cun bono para acudir ao centro residencial que desexen, van recibir un complemento de 1.200 euros ao ano. Este plus será independente da renda do destinatario ou do grao de dependencia.

Estas axudas sumaranse ao primeiro centro de coidados intermedios público de España que abrirá as súas portas en Santiago no 2024 e que situará a Galicia como líder nacional en apoio ás persoas con dependencia. Avanzarase tamén na creación dun segundo centro destas características no concello de Mos.

Por outra banda, Rueda tamén avanzou que a Xunta vai crear o Carné +65, que ofrecerá descontos ás persoas maiores da comunidade de forma semellante ao que xa ocorre co Carné Xove. Nun contexto de aumento de prezos e inflación, o Goberno galego aposta por apoiar aos galegos que chegan á xubilación con este documento que lles permitirá desfrutar de descontos en diferentes establecementos e servizos. Ademais, incluirá un programa de viaxes e estadías de lecer activo.

Apoios ás familias
O Goberno galego tamén vai reforzar o apoio aos fogares galegos. Tal e como avanzou hai unhas semanas o presidente, a Xunta vai lanzar un bono de 120 euros por cada fillo en idade escolar –de 6 a 16 anos- que estea federado nalgunha disciplina ou inscrito no programa Xogade para que as familias poidan adquirir material deportivo ou afrontar outros gastos relacionados coa actividade. Unha medida que se enmarca noutras xa consolidadas como a Tarxeta Benvida con ata 3.000 euros por nacemento dun fillo, a gratuidade da educación infantil entre 0 e 3 anos ou as axudas para mercar libros de texto ou material escolar que xa reciben sete de cada dez alumnos.

Ademais, durante 2024, a Xunta lanzará un plan de simplificación administrativa para reducir ao mínimo os trámites que teñen que realizar as familias para recibir as diferentes axudas. A partir do ano que vén, todos os fogares que cumpran os requisitos van recibir directamente a Tarxeta Benvida cando teñan un fillo. E do mesmo modo, o título de familia numerosa aprobarase de forma automática tras o nacemento do terceiro fillo e irase renovando tamén sen facer ningún trámite mentres o fogar teña dereito a el.

Rebaixa fiscal no acceso á vivenda e apoio ao alugueiro para os retornados
Facilitar o acceso á vivenda dos galegos é tamén unha das prioridades da Administración autonómica. De feito, Galicia xa está actualmente entre as comunidades autónomas con impostos máis baixos para mercar no rural e para os menores de 36 anos, familias numerosas e persoas con discapacidade.

Xa no 2022 a Xunta rebaixou o Imposto de Transmisión Patrimoniais do 10 ao 9% para a compra de inmobles de segunda man. Agora, tal e como anunciou o presidente, afóndase nesa senda coa rebaixa, o próximo ano, dun punto adicional do tipo xeral dese tributo ata o 8%. Na práctica, traducirase nun aforro duns 1.000 euros para un inmoble de 100.000 euros ou de 2.000 para un de 200.000 euros.

Esta rebaixa fiscal non é a única medida que está a poñer en marcha a Xunta neste eido. Ademais, o Goberno galego ten o compromiso de impulsar preto de 1.900 novas vivendas públicas para alugueiro e outras 3.000 de promotores privados; e, ademais do bono alugueiro para persoas vulnerables e para a mocidade, incorporará un apoio específico dirixido aos emigrantes retornados para que poidan alugar unha vivenda mentres constrúen o seu proxecto de vida.

Apoio á industria: axilización e creación dun fondo público-privado
Co obxectivo de atraer investimentos e proxectos industriais a Galicia, Rueda anunciou dúas medidas de calado para axilizar a tramitación e para poñer á súa disposición capital que os axude para dar os primeiros pasos.

Así, precisou que se declararán Proxectos Industriais Estratéxicos todos aqueles que creen 25 ou máis empregos, conten cun investimento de 2 millóns de euros ou máis e supoñan unha incidencia territorial e socioeconómica de relevancia. A partir de agora, todos estes proxectos terán garantida que a súa tramitación —desde a presentación da documentación ata a súa aprobación— durará un ano como máximo. Tamén se axudará aos proxectos de tamaño medio, mediante un plan de aceleración que permitirá reducir os prazos á metade. Ademais, Rueda avanzou que os proxectos contarán co apoio da Xunta cando se detecten retrasos nos permisos de competencia municipal.

En canto á posta á disposición de capital, o presidente da Xunta anunciou a creación dun fondo público-privado, cun capital inicial de 300 millóns de euros, que permitirá que boten a andar aqueles proxectos con máis potencial que están estancados por falta de financiamento.

Aposta reforzada polo medio rural e o mar
Na súa intervención, o titular do Executivo galego tamén se referiu á importancia a nivel económico e social do mar e do rural. Así, precisou unha batería de medidas para continuar sendo referentes de calidade nestes ámbitos e para manter a súa actividade cos niveis de excelencia que a caracterizan.

Entre outras, no ámbito rural, citou os 12 millóns de euros que se destinarán o próximo ano aos produtores de Ternera Gallega Suprema; o reforzo da aposta pola mobilización de terras; ou a licitación, a principios do 2024, dos primeiros polígonos agrarios de Galicia.

Ademais, anunciou que a partir de 2024, unha porcentaxe mínima -establecerase ao comezo do vindeiro ano- das edificacións públicas impulsadas polo goberno autonómico terán que ter a súa estrutura en madeira. Tamén avanzou que a Xunta activará un pioneiro mercado voluntario de créditos en carbono, o primeiro destas características en España no ámbito autonómico. Estes créditos orixinaranse a partir da capacidade de absorción e almacenamento das actividades relacionadas aos usos da terra, ás masas forestais e a promoción dos produtos forestais.

No eido do mar, avanzou que a Xunta porá en marcha un servizo de asesoramento en materia de fondos europeos dirixido a pescadores, acuicultores e integrantes da cadea mar industria.

Emprego
Do mesmo xeito, a Xunta vai seguir traballando para consolidar o emprego de calidade na comunidade a través de iniciativas como a rede que prevé acadar os 15 Polos de emprendemento este ano, ou as axudas para a formación.

Ademais, tamén defendeu uns servizos de formación e orientación para o emprego individualizados e adaptados ás necesidades de cada persoa, que se conseguen a través de iniciativas como a ferramenta de intelixencia artificial que se está probando nas oficinas de emprego; o reforzo dos servizos de orientación laboral con 136 orientadores; o programa de apoio personalizado ás persoas desempregadas ou programas específicos para favorecer a inserción laboral dos retornados.

Para dar un paso máis cara á plena igualdade, tamén anunciou a posta en marcha dun plan para a formación e contratación de mulleres en sectores masculinizados.

Sanidade
Por outra banda, Rueda salientou que o Goberno galego vai seguir traballando para consolidar e reforzar a excelencia no sistema sanitario galego. Por iso, resaltou que no 2024 se van lanzar unha serie de medidas para mellorar a atención sanitaria na comunidade. Nesta liña, salientou a posta en marcha do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas — que permitirá elaborar en Galicia fármacos personalizados contra o cancro— e do centro de xestión integrada de imaxe médica que permitirá axilizar o tempos para someterse a unha proba radiolóxica ou de anatomía patolóxica.

Resaltou tamén que se vai implantar un programa de cirurxías de recuperación rápida de xeonllo e cadeira nos hospitais da Coruña, Vigo e Santiago e xeneralizar o teleseguimento de pacientes crónicos como os que sofren algún problema cardiovascular. Ademais, asegurou que se vai incrementar o número de profesionais especializados en saúde mental. Rueda anunciou que ao longo dos vindeiros anos xeneralizarase a presenza de psicólogos clínicos nos centros de saúde de Galicia.

Entre os retos do futuro máis inmediatos tamén está seguir avanzando na construción dos novos hospitais da Coruña e Pontevedra, na ampliación dos de Ferrol e Ourense, e na inminente renovación do de Santiago de Compostela, así como no inicio da construción do centro de protonterapia de Galicia e nunha maior estabilidade para os profesionais da sanidade pública galega.

Educación
No eido educativo, a Xunta seguirá apostando por adaptar as ensinanzas de hoxe ás necesidades da sociedade do mañá e en aproveitar todas as vantaxes das novas tecnoloxías. A comunidade chegará o vindeiro ano ás 10.000 aulas dixitalizadas en Galicia vai desenvolver un sistema pioneiro para analizar mediante a tecnoloxía o método de aprendizaxe de cada alumno, detectar as súas necesidades e implantar melloras.

Ademais, a Xunta reforzará os servizos de orientación dos centros escolares, reforzará o seu apoio ás universidades -aportando cada ano o 1% do PIB aos campus- e impulsará a captación de talento a través de programas como Recupera que permitirá que 30 investigadores de alto nivel regresen a súa terra para traballar na ciencia galega.

Turismo
Tras rexistrar datos históricos de turistas nos últimos anos -no que levamos de 2023 rexistráronse 4,9 millóns de viaxeiros-, a Xunta segue traballando para consolidar Galicia como un destino atractivo e sostible. Durante a súa intervención, Rueda adiantou a posta en marcha dun Plan estratéxico do turismo rural para adaptar este sector as novas demandas dos viaxeiros e a creación dun centro de coñecemento do Xacobeo para compartir as claves do éxito do Camiño de Santiago.

Outras medidas
Durante a súa intervención, Rueda tamén anunciou a creación dun parque canino en cada unha das sete principais cidades de Galicia. Os concellos só terán que ceder a parcela e a Xunta financiará a adaptación do terreo e a adquisición do mobiliario preciso para o desfrute das mascotas.

Por último, Rueda salientou o compromiso da Xunta con fomentar unha mobilidade sostible —está prevista a construción de 200 quilómetros de sendas peonís ou ciclistas na comunidade, logo de ter executado 250 nos últimos anos— e garantiu que, un ano máis, o Goberno galego vai conxelar as peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica. O obxectivo é que os usuarios non teñan que ver incrementado o prezo pese a inflación.

Ademais anunciou que a Xunta vai reforestar as marxes das vías de altas prestacións de titularidade autonómica con especies autóctonas e frondosas.