Coa primeira Asemblea local desta lexislatura en curso, que tivo lugar o 26 de setembro, a militancia do BNG de Oleiros elixiu nova responsábel local, Sonia Ínsua Ruibo, que será a substituta do compañeiro Uxío Pedreira Dans.
Sonia Insua é veciña de Oleiros dende fai 10 anos, primeiro en Mera e agora en Breixo, e é protesista dental de profesión. Milita activamemente na CIG; forma parte do Consello, Executiva e Dirección Comarcal da CIG-Industria e tamén da Comisión de Mulleres da CIG A Coruña. Tamén participa activamente nas loitas feministas coa Marcha Mundial das Mulleres da Coruña e nas loitas das distintas organizacións a prol dos dereitos sociais. O BNG de Oleiros quere darlle as grazas por asumir a responsabilidade local e seguir coa súa participación na mellora das políticas locais.
A nova responsábel local conta cun equipo de continuidade, pois o resto de membros do Consello Local do BNG de Oleiros se manterá no seu compromiso e traballo. O obxectivo tanto de Sonia Insua como do resto da agrupación do BNG oleirense é continuar a liña de traballo actual, tanto no apoio ao traballo institucional que fai o Portavoz Municipal da organización nacionalista en Oleiros, Iván Roca, como na presenza social e no seguimento da situación do noso concello e da nosa veciñanza. Algunhas das propostas que o BNG de Oleiros presentou ás eleccións municipais do pasado mes de maio, na candidatura encabezada por Roca e da que tamén formaba parte Sonia Insua, e que guiarán a actividade da formación nacionalista neste concello para os próximos anos, teñen que ver cunha planificación máis ordenada da evolución do urbanismo, con todo o que isto implica para a vivenda, o transporte ou o emprego. No concreto, ademais de avanzar propostas sobre comercio ou medio ambiente, como xa fixo a formación nacionalista nestes últimos meses, están a traballar na organización dun acto en relación coa xestión enerxética por parte dos concellos.
O BNG de Oleiros tamén ten que agradecer a Uxío Pedreira Dans, traballador das Bibliotecas Municipais, veciño e compañeiro do Porto de Santa Cruz, o traballo feito até agora como responsábel local e a súa continuidade como membro do Consello local, así como tamén recoñecemos e agradecemos o seu compromiso e militancia dende os inicios desta asemblea local.