Friday 22 de November de 2024

O BNG afea ao goberno local non ter contratados os servizos municipais, tal e como xa ten esixido


O servizo de limpeza funciona sen contrato desde 2012, unha anormalidade na que parecen estar a gusto tanto concello coma empresa

O BNG leva anos alertando dos riscos desta situación e esixindo contratos

O Consello de Contas xa amonestou o goberno municipal sobre este tema, xa que supón un pago de ata 9 millóns de euros de xeito irregular

As persoas traballadoras da limpeza e outros servizos municipais manifestáronse porque non cobran o seu salario. A empresa di que é porque o concello non lle paga e que os prezos non están actualizados; o concello di que paga á empresa pero que é esta a que non paga á xente. O Concello de Culleredo é responsable, porque mantén a servizo de limpeza en precario, sen contrato. O BNG de Culleredo leva insistido durante todos estes anos na necesidade de solucionar esta anomalía, xa que supón riscos e inseguridades para todas as partes.

Este caso é unha metáfora da parálise que padece o goberno municipal, xa que un servizo básico coma este leva sen contrato desde o ano 2012, sen que consten prórrogas. A lei de contratos é clara: Contratar aqueles servizos que as administracións non queren ou non poden xestionar directamente. Está prohibida toda prórroga que non estea recollida en contrato e está prohibida toda contratación de palabra, que non se xestione formalmente con arranxo á lei. Todo o que estea fóra diso non é legal. De nada serven as declaracións e adhesións a pactos contra a corrupción ou as palabras de ánimo ás persoas traballadoras.

A presión do BNG fixo que o concello chegara a anunciar a licitación no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), paso obrigado debido ao seu elevado importe (2.500.476,84 euros). Mais a licitación nunca chegou a suceder. É urxente aclarar por que non se avanza neste trámite, igual que sucede con outros. Varios millóns de euros foron pagados irregularmente neste servizo –e noutros– e é unha obriga aclarar o sobrecuste que puidera existir, en pos da transparencia. O mesmo Consello de Contas ten advertido ao goberno de Rioboo a que puxera fin a estas irregularidades constantes.

O da limpeza non é o único caso irregular. Ademais da limpeza, con Limpezas Xalo, a xardinería opera sen contrato por Jardín Celas, e asubministración de auga potable está nas mas de Gestagua da mesma maneira. Cando o goberno de Rioboo iniciou algunha acción para regular as contratacións, quedaron varadas na beira. Tal foi cando se iniciou a tramitación da contratación da xestión da auga, que leva nas mans de GESTAGUA desde que o contrato finalizou en 2014 despois de 25 anos. Desde que a xustiza anulou os pregos que se fixeran en 2016, nada se volveu facer para regularizar a situación.

Tamén demandou o BNG que sendo unha cuestión recorrente, de ampla magnitude económica (de 8 a 9 millóns anuais de gasto irregular cada ano), con todas as advertencias que lle temos feito desde o BNG e que en cada pago son advertidas polas funcionarias pero ignoradas totalmente polo goberno, que o Consello das Contas avaliara darlle traslado á fiscalía para que se avaliara se existen indicios de ilicitudes con consecuencias penais.

Cada día vemos na prensa noticias de casos de corrupción relacionados con contratos públicos. O Consello das Contas de Galiza publicou en novembro un informe moi contundente sobre as irregularidades dos gobernos do PSOE de Culleredo nos anos 2017, 2018 e 2019. A veciñanza de Culleredo ten que saber estas cousas, ten que coñecer que os cartos dos seus impostos se gastan coma quen colle cartos dun saco, e tamén ten dereito a que os grupos da oposición no exercicio das nosas responsabilidades, actuemos para evitalo. É por iso que o BNG demandou do Consello das Contas no mes de abril que iniciaran a comprobación dos exercicios 2020 e 2021 e así verían que a situación continuou neses exercicios e que a situación segue igual a día de hoxe por non ser atendidas as súas ordes.