Saturday 16 de November de 2024

A Xunta inviste case 800.000€ na rehabilitación integral do Centro Público Integrado Antonio Orza Couto, con previsión do remate a finais de ano


A obra suporá a mellora de todos os edificios do colexio e está executada ao 70%

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou hoxe o Colexio CPI Antonio Orza Couto, en Boqueixón. Durante o seu percorrido polo centro, onde comprobou o avance das obras de rehabilitación, explicou que o 70% dos traballos xa están rematados e que a previsión é finalizar a actuación a finais de ano.

Esta obra completa un investimento de máis de 1,2M€ en melloras neste centro desde o ano 2009 e ten como finalidade mellorar as instalacións do colexio e o confort da comunidade educativa.
A rehabilitación integral do centro trae consigo melloras no edificio Educación Infantil, no edificio de Primaria, no comedor e no patio. Unhas melloras enmarcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta de Galicia para acadar centros educativos máis innovadores, sostibles e confortables.

No primeiro deles están rematadas as obras interiores de iluminación de alta eficiencia enerxética, falsos teitos e pinturas; mentres que no de Primaria están listas tamén estas pequenas actuacións e, a maiores, as carpinterías e cuberta. Nos dous edificios o sistema de illamento térmico polo exterior (SATE) está executado a aproximadamente o 40%.

No caso do comedor, xa remataron os traballos nas carpinterías e iluminación e só restaría executar a colocación dos canlóns e o SATE. No patio xa está colocada a estrutura da pérgola, polo que só queda por acometer a cubrición e o formigonado. A maiores, renovarase parte do peche dianteiro, colocando unha malla de tipo ríxida que mellorará o sistema actual.