Alumnado de entre 3 e 7 anos de 29 concellos das catro provincias participarán nesta actividade entre os días 10 e 18 de decembro
Entre os días 10 e 18 de decembro máis de 1.400 alumnos de educación infantil de 29 concellos de Galicia poderán realizar as súas peticións de Nadal a Papá Noel grazas á rede de videoconferencia das aulas CeMIT, presentes en todas as comarcas galegas.
Así, os escolares de Educación Infantil de Marín, Betanzos, Sarreaus, O Barco e As Pontes serán os primeiros que reciban esta visita nas aulas CeMIT sitas nestes concellos. Este intercambio de mensaxes comezará o xoves 10 de decembro a partir das 10 da mañá, cunha visita de media hora en cada aula.
Por toda Galicia
Nos seguintes días, ata o 18 de decembro, conectarán con Laponia as aulas CeMIT de Abegondo, A Fonsagrada, Barreiros, Beariz, Boiro, A Cañiza, Carballedo, Castrelo do Miño, Castro Caldelas, Catoira, Celanova, Cerceda, Fisterra, Manzaneda, Marín, Muros, Narón, Ortigueira, Quiroga, Santa Comba, Valga, O Vicedo, Vilagarcía, Vimianzo e Xunqueira de Ambía, ata completar as 28 localidades que recibirán a visita virtual do noso Papá Noel. *
Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel o alumnado do Centro
Pai Menni de persoas con discapacidade de Betanzos e as persoas con trastorno do espectro autista da Asociación Bata de Vilagarcía de Arousa
O obxectivo desta actividade, que neste ano cumpre o seu oitavo aniversario e que conta cun gran interese entre a comunidade educativa, será o de establecer unha comunicación cara a cara entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos do mundo.
Con este tipo de experiencias, a rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.