Friday 22 de November de 2024

Unha nova liña de bus conectará o Barbanza cos hospitais de Santiago


O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, compareceu hoxe xunto aos veciños Fran Torrado e Mari Pena; para valorar o establecemento dunha liña de bus que conectará o Barbanza cos hospitais de Santiago; segundo o anuncio da Xunta de Galicia esta semana.

“Esta cuestión viñase demandando dende hai dous anos a través da Mancomunidade” explica Mari Pena. Pola súa parte, o alcalde Luís Pérez afirmou que “dende o Concello de Ribeira acompañouse esa demanda porque creiamos que era necesaria para mellorar o servizo de transporte público”. O rexedor congratulou a tódalas persoas que reivindicaron este servizo e agradeceu o seu traballo de concienciación social.

Luís Pérez tamén destacou a problemática situación das liñas regulares dende a comarcaata Santiago de Compostela e co transporte escolar. “Vemos incumprimentos flagrantes coa empresa concesionaria do servizo público de transporte e dende o Concello estamos mantendo a vixilancia a través dos efectivos da Policía Local”. Segundo explicou, estanse a levantar actas con tódolos incumprimentos rexistrados co propósito de reclamar solucións á Xunta de Galicia, autoridade competente en materia de transporte.

“Necesitamos que a Consellería abra expedientes sancionadores, no caso de ser necesarios, para que o transporte público na nosa comarca funcione de xeito correcto.” afirmou. O Concello está a traballar con Monbus para mellorar as liñas regulares no municipio, o transporte escolar e tamén a conexión con Santiago. “Seguiremos velando por que se cumpra o servizo acordado” concluiu.